A Consellería de
Infraestruturas mantén as portas abertas e reitera a súa plena disposición a
revisar coas centrais sindicais os aspectos laborais dos 42 contratos do Plan,
así como a analizar as propostas que queira presentar a patronal
·
O Diario Oficial de Galicia fai pública
hoxe a orde pola que se establecen os servizos mínimos para as xornadas de
folga convocadas e que se establecen na práctica totalidade para as rutas do
transporte escolar
A Xunta mantén a súa oferta de diálogo e
negociación sobre a primeira fase do Plan de transporte público de Galicia,
unha iniciativa que ten como único obxectivo garantir os servizos aos cidadáns
e os postos de traballo no sector. Este plan é a resposta do Goberno galego á
decisión de parte das empresas de transporte a non seguir prestando máis de 500
liñas de autobús a partir do vindeiro mes de agosto.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda mantén as
portas abertas e reitera a súa plena disposición a revisar coas centrais
sindicais os aspectos laborais dos 42 contratos do Plan de transporte público,
co obxectivo de acadar solucións de consenso que ofrezan as garantías que
demandan os representantes dos traballadores.
Así mesmo, o Goberno galego manifesta tamén, novamente,
que está aberto a analizar as propostas que desexen presentar as empresas
representadas polas diferentes federacións de transportistas de Galicia.
O Plan elaborado polo Goberno galego supón unha
reordenación do actual sistema de concesións de transporte naquelas zonas
afectadas polas renuncias empresariais. As liñas de transporte agrúpanse nun
total de 42 contratos comarcais economicamente viables que terán vixencia ata
2019.
A principal novidade deste sistema radica na integración
das liñas de transporte escolar no marco xurídico do transporte regular, unha
modalidade a efectos únicos de xestión, que blindando e reforzando a atención
prioritaria das necesidades dos alumnos, permite multiplicar as posibilidades de mobilidade da poboación
rural.
Entre as grandes vantaxes deste plan está o feito de que
todas as liñas de transporte escolar que se integren no transporte regular en
Galicia contarán cun monitor acompañante, situándose por riba das exixencias
legais.
Ademais, a posta en marcha da primeira fase do novo Plan
de transporte público de Galicia permitirá mellorar o funcionamento deste
servizo en preto de 200 concellos galegos. Neles máis que duplicarase o número
de paradas de autobús xeral e 1,7 millóns de persoas terán unha parada a menos
de 500 metros da súa casa.
Un sistema testado con éxito en varias autonomías
A integración do transporte escolar no transporte regular
funciona desde hai anos con normalidade noutras comunidades de España, como
Castela e León, Asturias, País Vasco e Navarra.
Esta integración constitúe a tendencia xeral nos plans de
futuro do resto de autonomías, na procura dunha optimización e racionalización
da oferta de servizos de transporte público, un obxectivo especialmente
xustificado no caso de Galicia, onde a atención das necesidades de mobilidade
da poboación está marcada pola alta dispersión da poboación e onde se estima
que as rutas de transporte escolar representan o 40% do total do Estado.
Outra das características do Plan é o seu deseño orientado á realidade do
tecido empresarial galego do sector do transporte, xa que os contratos requiren
dunha media de 13 autobuses para poder realizar os servizos que recollen, ao
tempo que se abre a posibilidade de que as empresas concurran aos mesmos a
través dunha UTE.
O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a orde pola que se establecen
os servizos mínimos para as xornadas de folga convocadas e que se establecen
nun 40% para os servizos xerais e do 100% para o transporte escolar.
En todo caso, o
Goberno galego solicita que as centrais sindicais reconsideren a convocatoria
de folga prevista para mañá e o mércores, xa que ao coincidir coa última semana
do curso escolar poderá afectar aos alumnos que tiñan programadas excusións,
así como dificultar os desprazamentos dos traballadores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario