§ O Diario Oficial de Galicia publica hoxe
a Orde de convocatoria, dando un mes para a solicitude das mesmas
§ A axuda pode chegar a 11.000 euros por
vivenda, sen sobrepasar o 35 por cento do orzamento
A Xunta de Galicia destinará máis de 2,7 millóns
de euros ás axudas de rehabilitación edificatoria incluídas no plan de vivenda,
tal como establece a Orde que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e pola
que se realiza a convocatoria para 2017. Para obter máis información pódese
consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/SZx7xD.
Estas axudas están destinadas a
subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación, que consisten na
execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións
fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns
dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os requisitos
establecidos na convocatoria, referidos á antigüidade e uso dos mesmos.
O importe das axudas poderá acadar un
máximo de 11.000 euros por vivenda (12.100 euros cando se trate de edificios
declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección
integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente) sen
sobrepasar o 35 por cento do orzamento da actuación. Os locais existentes nos
edificios tamén se popderán beneficiar destas axudas, aplicando co mesmo
importe máximo por cada 100 metros cadrados, sempre que participen no
financiamento das obras. En calquera caso, o importe da subvención virá
determinado polas obras a realizar.
No caso de actuacións para a mellora da
accesibilidade a axuda poderá chegar ao 50 por cento do custe, pero só na
partida correspondente á accesibilidade.
Poderán beneficiarse destas axudas as
comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as
persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas que cumpran os
requisitos establecidos.
Actuacións subvencionables
Son subvencionables as actuacións
dirixidas á conservación, á mellora da calidade e da sustentabilidade, así como
á realización de axustes razoables en materia de accesibilidade, nos edificios
de tipoloxía residencial colectiva, establecidos no artigo 3 da Orde de 10 de
xullo de 2015 (DOG 21-7-2015) na que se establecen as bases reguladoras desta
axuda.
Entre as actuacións subvencionables para a
conservación están as dirixidas a arranxar os problemas detectados polo informe
de avaliación dos edificios ou a inspeccións técnica referidas a cimentación,
estructura, instalacións, cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, así como
as referentes a instalacións comúns de electricidade, fontanaría, gas,
saneamento, etc. co obxectivo de adaptalas á normativa vixente.
Polo que se refire ás actuacións
subvencionables para a mellora da calidade e sustentabilidade destacan a mellora
da envolvente térmica do edificio, illamento térmico, substitución de
carpintarías e acristalamentos, así como a mellora da eficiencia enerxética dos
equipamentos e instalacións, incluíndo a instalación de equipamentos que
permitan a utilizaciónd e enerxías renovables. As melloras destinadas ao aforro
de auga ou a instalación de redes separativas de saneamento que favorezan a reutilización
de augas grises tamén se inclúe neste apartado.
Finalmente entre as actuacións para
realizar os axustes razoables en materia de accesibilidade inclúense a instalación
de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de
accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con minusvalía
sensorial, así como a adaptación dos xa existentes á normativa sectorial
correspondente. Tamén a instalación ou dotación de produtos de apoio, tales
como guindastres ou artefactos análogos que permitan o acceso e uso por parte
das persoas con minusvalía a elementos comúns do edificio, tales como xardíns,
zonas deportivas, piscinas e outros similares.
Neste apartado tamén se inclúe a
instalación de elementos de información ou de aviso que permitan a orientación
no uso de escaleiras e ascensores e a instalación de elementos ou dispositivos
electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.
O prazo de presentación de solicitudes será
de un mes a contar dende mañá
Para optar a estas axudas é imprescindible
que o edificio conte co informe de avaliación do edificio. O Diario Oficial de
Galicia tamén publica hoxe a convocatoria de axudas para a súa obtención.
No hay comentarios:
Publicar un comentario