§ Destaca a política de impostos
cero no rural, con exencións para compra de vivenda en case o 94% do territorio
galego; e a posta en marcha de axudas para facilitar a remuda xeracional
§ Subliña a aposta por
mellorar a calidade de vida a través dun plan de transporte que implicará máis
paradas de autobús no rural
§ Salienta a implicación
dos traballadores da Semana Verde, así como o traballo conxunto para que, no
seu 40 aniversario, acadase un nivel de ocupación de expositores similar a
2007, superando os 630 participantes
O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, avogou hoxe por facer da recuperación económica unha oportunidade
para converter o rural nun lugar máis atractivo para emprender e para vivir.
Durante o acto inaugural da XL Feira
internacional Abanca-Semana Verde de Galicia, Feijóo aseverou que con ese
obxectivo, a Xunta está a poñer diversas ferramentas ao servizo de todo aquel
que queira apostar polo rural. Iniciativas entre as que destacou a política de
impostos cero no rural, con exencións para compra de vivenda en case o 94% do
territorio galego; a posta en marcha de axudas para facilitar a remuda
xeracional, coa incorporación ao rural de máis de 1300 mozos en só dous anos; e
a aposta por mellorar a calidade de vida a través dun plan de transporte que
implicará máis paradas de autobús.
Ao longo da
visita á feira, o titular da Xunta destacou dous elementos clave que fan desta
cita o maior certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular: a
sustentabilidade e a identidade.
“A
sustentabilidade porque a clave deste recinto era abrirse a novas actividades e,
hoxe, iso é unha realidade, acollendo feiras de turismo, salóns de
alimentación, parques de ocio para os máis pequenos, entre outros moitos usos.
E a identidade, porque esta feira está en contacto permanente co medio rural”.
Feijóo
salientou a implicación e o esforzo dos traballadores da Semana Verde, así como
o traballo conxunto para que no seu 40 aniversario acadase un nivel de
ocupación de expositores similar a 2007, superando os 630 participantes. E
concluíu referíndose a este evento como a proba de que Galicia cre no seu
rural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario