§ A axuda será do 60 por cento do
orzamento protexido e hai un prazo de dous meses para a súa solicitude
§ A Consellería de Infraestruturas Vivenda
destinará un total de 5,7 millóns de euros á rehabilitación de vivendas de
promoción pública, sumando a estas axudas as actuacións directas en vivendas da
súa propiedade adxudicadas en alugueiro
A Xunta de Galicia destinará un millón de euros a
reparación, rehabilitación ou adaptación de edificios de vivendas protexidas
promovidos pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda ou transferidos polo
Estado á Comunidade Autónoma de Galicia (vivendas de promoción pública).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
hoxe a Resolución pola que se convocan ditas subvencións, dirixidas ás comunidades
de propietarios dos edificios de vivendas obxecto desta convocatoria, sempre que
non recibisen outra axuda do Instituto Galego de Vivenda e Solo para a
realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores
ao da convocatoria. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace:
https://goo.gl/RreaIj.
Consideraranse actuacións subvencionables,
todas aquelas obras destinadas á reparación, á rehabilitación e/ou á adaptación
dos edificios incluídos no ámbito de aplicación desta convocatoria que
comprendan todos ou algúns dos seguintes traballos:
a) Adecuación
das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de
seguridade construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e
solidez, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación
das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio
estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, así
como a mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación
funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos
xerais, como rede de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así
como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das
condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas,
ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os
adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.
A contía da
axuda será do 60 por cento do importe do orzamento protexible da actuación e as
comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública interesadas nestas
axudas dispoñen dun prazo de dous meses para solicitalas.
Actuacións directas
A mellora e rehabilitación das vivendas de promoción pública e un
obxectivo prioritario do Executivo autonómico, polo que ademais de subvencionar
as actuación realizadas polas comunidades de propietarios, actúa de forma
directa nas máis de 3.100 vivendas de promoción pública propiedade da Consellería
de Infraestruturas e Vivenda, que conforman o parque público de vivenda en
alugueiro da Xunta de Galicia.
En 2017, o Goberno galego destinará 1,4 millóns de euros á mellora e
rehabilitación das vivendas de promoción pública da súa propiedade e outros 3,3
millóns de euros a actuación de rehabilitación en materia de eficiencia
enerxética, co obxectivo de reducir polo menos nun 20 por cento o consumo
enerxético dos mesmos. Estas axudas de eficiencia enerxética están
cofinanciadas con fondos Feder.
En total, o departamento que dirixe Ethel Vázquez destinará este ano á
rehabilitación de vivendas de promoción pública 5,7 millóns de euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario