A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SÚMASE AO PROXECTO EL ÁRBOL ES VIDA PARA REFORESTAR 4.000 HECTÁREAS DE MONTE DA PROVINCIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 23 de noviembre de 2013

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SÚMASE AO PROXECTO EL ÁRBOL ES VIDA PARA REFORESTAR 4.000 HECTÁREAS DE MONTE DA PROVINCIA


As empresas que realicen doazóns para financiar os traballos poderán desgravar ata o 90% do importe doado no Imposto de Sociedades

·        Rafael Louzán incidiu en que se trata dunha iniciativa de gran valor ambiental e que pode contribuír ao desenvolvemento do potencial forestal da provincia
A Deputación de Pontevedra implicarase na reforestación de 4.000 hectáreas de terreo na provincia de Pontevedra, no marco do proxecto El árbol es vida da Fundación Española da Madeira.
Esta iniciativa, declarada acontecemento de excepcional interese público, busca plantar 10 millóns de árbores en toda España, e calcúlase que xerará máis de 1.000 empregos directos.
Segundo subliñou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a Administración Provincial  decidiu sumarse a este proxecto (cuxo convenio asinará o vindeiro venres, día 29) polo seu valor compromiso ambiental e porque supón tamén unha oportunidade para poñer en valor o potencial forestal da provincia, así como “pola capacidade do proxecto de xerar emprego local”.
De feito, para poder reforestar esas 4.000 hectáreas de terreo, a Deputación non só buscará captar donantes e patrocinadores entre as empresas da provincia, senón que negociará cos propietarios forestais a cesión de terreos e procederá á redacción dos proxectos de plantación e á contratación dos traballos necesarios.
Neste sentido, para a contratación dos labores de plantación terán preferencia as empresas de inserción social, as persoas en risco de exclusión social e as empresas locais, xa que, tal e como subliñou Louzán, “tamén se trata de favorecer a xeración de emprego na provincia”.
Aposta polo sector forestal
O presidente da Deputación amosouse convencido de que haberá empresas interesadas en patrocinar o proxecto e en realizar doazóns, dado que o 90% importe doado poderano deducir do Imposto de Sociedades e disporán de 10 anos para realizar esta desgravación.
Louzán incidiu en que por  medio desta iniciativa “podemos conseguir poñer en valor moitas hectáreas de monte en estado de abandono e dar un novo pulo a esta provincia como polo forestal”.
Así, lembrou que “Pontevedra é unha provincia forestal por excelencia”, que conta con “todos os recursos necesarios para sacarlle un gran rendemento económico, social e ambiental aos nosos montes”, pero na que aínda falta “esa concienciación xeral das nosas potencialidades e a implicación no desenvolvemento dunha estratexia para a explotación ordenada e sostible dos nosos montes”.
A xuízo do presidente da Deputación, “este proxecto pode ser tamén unha vía para visibilizar ese potencial e facernos conscientes do que temos e do que estamos a perder por non saber aproveitalo”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario