O obxectivo é que practicamente o 50% dos que presentaron solicitude poidan
dispor de bolsa
· Os bolseiros desenvolverán o seu
labor en 379 empresas da provincia
· O día 25 publicaranse as listas
provisionais de admitidos na web da Deputación e os bolseiros disporán de 3
días para subsanar posibles defectos
· Hai unha media de case 6 solicitantes
por praza
Un total de 2.462 mozos e mozas aspiran a unha das 424 bolsas de práctica
laboral en empresas que convoca a Deputación provincial de Pontevedra, que se
ampliará noutras 500 a principios de 2014, segundo anunciou esta mañá o
presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán.
O obxectivo é, segundo anunciou Louzán, “dar cobertura a preto do 50% dos
mozos e mozas que presentaron solicitude” de forma que poidan ter unha primeira
oportunidade laboral na profesión para a que se formaron.
O 25 de novembro sairán publicadas na web da Deputación as listas
provisionais de admitidos e excluídos e os solicitantes terán 3 días para
subsanar erros.
Solicitudes por titulación
Das 2.462 solicitudes de bolsa, 1.600 presentáronse na sede de Pontevedra e
outras 800 na de Vigo, evitándose así que moitos titulados do sur da provincia
tiveran que desprazarse unha ou varias veces a Pontevedra para realizar este
trámite.
O maior número de solicitantes son titulados universitarios con
licenciaturas, cun total de 1.055 persoas que demandan participar neste plan.
Séguenlle os titulados de ciclos superiores, con 608 solicitudes.
Outros 463 solicitantes son diplomados, 183 titulados en arquitectura
técnica, 99 de enxeñerías e 54 de ciclos medios.
De 37 candidatos por praza a
ofertas desertas
Aínda que a media é de 5,8 solicitantes por praza, a relación entre o
número de solicitudes presentadas e as bolsas ofertadas varía notablemente
dunhas especialidades a outras.
Así, atópanse titulacións como Educación Infantil, que é demandada por 2
empresas e para a que se presentaron 75 candidatos, o que supón que hai máis de
37 candidatos por praza; Dereito, con 113 candidatos para 9 prazas (12,5 por
praza), ou Empresariais, con 61
candidatos para 3 prazas (20 persoas por praza).
No outro extremo están o Ciclo Superior de Animación en 3D, xogos e
contornos interactivos; enxeñerías en Telecomunicacións de Electrónica e en
telecomunicacións de Telemática, e a Licenciatura en Enoloxía, que contaban
cunha oferta en cada unha e para as que non hai candidatos.
Pola súa banda, os candidatos titulados dos ciclos superiores de Produción
en Industrias Gráficas; Interpretación de Lingua de Signos; Construcións
Metálicas; Dirección de Servizos de Restauración; da licenciatura de Farmacia e
do ciclo medio de Agroecoloxía teñen garantida a súa colocación, dado que houbo
tantas solicitudes como prazas ofertadas.
Menores de 30 anos
As bolsas van dirixidas a mozos e mozas titulados universitarios, de ciclos
medios ou de ciclos superiores, de menos de 35 anos e que non teñan experiencia
laboral previa na profesión para a que se formaron.
Os aspirantes poderán desenvolver o seu labor en 379 empresas de diferentes
ramas de actividade da provincia de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra
correrá con todos os custes salariais dos bolseiros, así como cos gastos dos
preceptivos recoñecementos médicos e dos cursos de formación en prevención de
riscos laborais.
O obxectivo deste programa de emprego posto en marcha pola Deputación é
facilitar a adquisición de experiencia laboral por parte de mozos e mozas
titulados que ata o de agora non tiveran ningunha oportunidade neste eido.
Desta forma, preténdese favorecer a súa incorporación ao mercado laboral,
algo que xa se tivo en conta á hora de proceder á selección das empresas que
participan no programa, xa que non só se valorou o programa formativo
propiamente dito, senón tamén as posibilidades de que a bolsa de práctica
laboral se converta nun contrato de traballo unha vez que remate o período de
prácticas.
Agora que pechou o prazo
de solicitudes, será unha comisión formada por técnicos da Deputación, do
sector empresarial e da Universidade de Vigo a que seleccionará aos bolseiros,
tendo en conta, fundamentalmente, o seu currículo.
Partida orzamentaria para nova convocatoria
O obxectivo é que todos
os beneficiarios do programa estean contratados antes de que remate o ano para
comezar a traballar o vindeiro 2 de xaneiro.
Malia todo, Rafael Louzán
incidiu na necesidade de seguir traballando nesta liña, dado que existe unha
demanda e unha necesidade real de favorecer este primeiro contacto entre mozos
e mozas titulados e empresas para facilitar a súa inserción laboral.
Por iso, subliñou que “as
administracións debemos ser activas neste campo” e anunciou que a Deputación
dispón xa de partida económica para a principios de 2014 estender este plan a
outros 500 titulados.
Así, despois de asegurar que
“hai marxe económico” para que as 424 prazas convocadas ata agora se amplíen ata
500 nesta primeira fase, quixo mandar unha mensaxe de “esperanzas aos que
presentaron a documentación” para acceder a este plan e que poderían quedar
fóra, que xa está previsto nos orzamentos “que imos a primeiros de ano realizar
outra dotación para outras 500 prazas”, “dando posibilidades e oportunidades de
traballo a preto do 50% dos titulados que presentaron solicitudes”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario