A DEPUTACIÓN BUSCA FINANCIAMENTO EUROPEO PARA AMPLIAR O PROXECTO VIÑAS ATLÁNTICAS ÁS 5 SUBZONAS DA D.O. RÍAS BAIXAS DA PROVINCIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 28 de noviembre de 2013

A DEPUTACIÓN BUSCA FINANCIAMENTO EUROPEO PARA AMPLIAR O PROXECTO VIÑAS ATLÁNTICAS ÁS 5 SUBZONAS DA D.O. RÍAS BAIXAS DA PROVINCIA


Rafael Louzán reuniuse onte cos adegueiros para explicarlle o proxecto
·        Os adegueiros amosaron un grande interese nos dous aspectos principais do proxecto: o referido á xestión das explotacións e o específico de control das pragas
·        Louzán subliñou o “gran éxito” do programa e incidiu na notable redución do uso de produtos fitosanitarios que permite
·        A vindeira semana a Deputación porá en marcha unha nova ruta do viño no Condado
A Deputación de Pontevedra solicitará financiamento do programa Life da UE para unha segunda fase do proxecto Viñas Atlánticas, co obxectivo de estendelo a toda a provincia e darlle cobertura a todos os viticultores das cinco subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Así llo comunicou onte pola mañá aos adegueiros da provincia, cos que se reuniu no Edificio Administrativo para darlle a coñecer o proxecto.
Rafael Louzán valorou o “gran éxito” do programa e incidiu na utilidade da plataforma creada no marco de Viñas Atlánticas á hora de minimizar o uso de produtos fitosanitarios, algo que reporta uns notables aforros económicos e tamén ambientais.
Así, afirmou que o obxectivo é que este proxecto, agora circunscrito á zona de O Salnés e Soutomaior (aínda que conta cun perfil público con certas utilidades para o público xeral) e desenvolvido pola Deputación da man das cooperativas Paco & Lola, Condez de Albarei e Martín Códax, “se abra a aqueles que non están nas tres cooperativas, para que calquera viticultor se poida adherir a este sistema”.
Interese xeralizado entre os adegueiros
No transcurso da xuntanza, os adegueiros amosaron un elevado interese nas aplicacións e ferramentas creadas no marco de Viñas Atlánticas, tanto no que respecta aos instrumentos destinados a unha xestión máis eficaz das explotacións como na parte específica orientada á redución da aplicación de produtos fitosanitarios por medio dun sistema de modelado matemático que permite coñecer o risco de aparición de enfermidades (fundamentalmente mildiu) e establecer o mellor momento para tratar as viñas.
Esta predición realízase en base ás estacións meteorolóxicas instaladas nas parcelas do Salnés, á situación concreta do fungo, ás condicións do viñedo e, incluso, aos tratamentos previos que se teñan dado na parcela.
Con estes datos, ofréceselle aos viticultores un aviso do risco de que a súa parcela sexa atacada polo mildiu, indicándolle se convén ou non dar tratamento. Desta forma, redúcense as aplicacións de fitosanitarios ao mínimo necesario.
De feito, os 450 viticultores que participaron no proxecto en 2012 rebaixaran a aplicación de fitosanitarios entre un 15 e un 20%, porcentaxe que este ano se superará sensiblemente.
Cobertura das 5 subzonas
Aínda que na actualidade xa existe un perfil público ao que todos os viticultores da provincia poden acceder, para obter información e recomendacións exactas e concretas para cada parcela, é preciso estender a rede de sensores meteorolóxicos e lograr a implicación dos produtores e técnicos, que son os que deben incluír os datos particulares da viña –tratamentos, tarefas de poda, aboado, …- no libro dixital de explotación, dado que algúns deles son fundamentais para o cálculo da necesidade ou non de tratamento (dado que, por exemplo, pode que na zona da parcela haxa un elevadísimo risco de mildiu, pero que a viña en cuestión fose tratada uns días antes e aínda lle dure a protección).
Por iso, a Deputación optará a unha nova fase deste proxecto na nova convocatoria do programa Life, co obxectivo de acadar o financiamento necesario e darlle cobertura ás 5 subzonas da D.O. Rías Baixas existentes na provincia: Ribeira do Ulla, Val do Salnés, Soutomaior, O Rosal e Condado do Tea.
Ruta do viño do Condado
Rafael Louzán aproveitou tamén para anunciar a inminente posta en marcha, por parte da Deputación, dunha nova ruta do viño nas comarcas de O Condado.
O presidente da Administración provincial incidiu en que a nova ruta, que se presentará no mes de decembro e que terá como base Ponteareas, vai permitir que, ao igual que xa se está facendo en O Salnés, tamén O Condado se beneficie dunha maior proxección turística co viño e a cultura vitivinícola como base.


No hay comentarios:

Publicar un comentario