LOUZÁN CONSENSÚA COS GRUPOS PROVINCIAIS O FUTURO DA RECOLLIDA E TRATAMENTO DO LIXO A NIVEL PROVINCIAL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 17 de noviembre de 2013

LOUZÁN CONSENSÚA COS GRUPOS PROVINCIAIS O FUTURO DA RECOLLIDA E TRATAMENTO DO LIXO A NIVEL PROVINCIAL


Os concellos teñen xa o convenio marco para adherirse ao servizo se así o desexan
·       Son xa máis de 20 os municipios que trasladaron a súa intención de integrarse no servizo
·       Técnicos da Deputación traballan nos cálculos do custe do servizo e a súa repercusión nas taxas municipais
·       Está perfilado o concurso para adxudicar o proxecto piloto de compostaxe, que se porá en marcha en canto se fixe o número de concellos adheridos
·       O presidente da Deputación destacou a vontade de consenso para lograr un servizo que sexa “máis eficaz, máis racional e con menor custe para concellos e cidadáns”
O presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, analizou hoxe cos membros dos tres grupos provinciais que integran o comité creado para a posta en marcha dun servizo provincial de recollida de lixo, a situación actual de tramitación do servizo e as liñas que se pretenden seguir para avanzar neste proxecto.
Rafael Louzán subliñou a “vontade de consenso” e incidiu en que se trata de conseguir un “servizo máis eficiente, máis racional” e que avance nunha premisa que considerou “fundamental”, “separar máis e mellor para que os custes ambientais e económicos sexan moito menores para concellos e cidadáns”.
En canto á situación actual de tramitación, os concellos teñen xa sobre a mesa o Convenio marco de adhesión, co obxecto de que todos os que estean interesados poidan ir xa sumándose ao servizo.
Máis de 20 concellos
Nesta liña, no transcurso da xuntanza púxose sobre a mesa que nestes momentos son máis de vinte os concellos que xa mostraron a súa intención de incorporarse ao servizo e cos que, malia que o custe final do servizo pode variar en función do número de concellos integrados no sistema, se está estudando cal sería custo e a súa repercusión nas taxas de cada concello.
Así mesmo, na reunión puxéronse sobre a mesa todas as alternativas analizadas nestes meses co obxectivo de conseguir o mellor servizo posible na provincia e de dar resposta ás distintas propostas que foron xurdindo ao longo das reunións previas do grupo de traballo.
Entre os modelos de xestión e tratamento de lixo que se valoraron polos técnicos está o do sistema húmido/seco, implantado na Mancomunidade do Barbanza, pero que hai que descartar para o novo servizo porque vai contra o Plan de Xestión de Residuos de Galicia, que non contempla a súa ampliación cara lugares onde non estea implantado agora.
Polo tanto, nun futuro habería que ir á implantación dun quinto contenedor para a recollida separada da fracción orgánica, algo que xa se contempla o regulamento do servizo.
Planta do Morrazo
Outra das cuestións que se plantea a á posibilidade de posta en valor da planta do Morrazo, actualmente moi infrautilizada, xa que foi concibida para o tratamento de todo o lixo orixinado na Mancomunidade mediante a separación dos residuos susceptibles de ser valorizables e a elaboración de compost da fracción orgánica, separada en orixe, pero na que nunca se chegou a poñer en marcha este modelo de xestión.
De feito, úsase unicamente para o transvasamento dos residuos recollidos cara a outros destinos, sen tratamento previo (a excepción dos residuos de xardín e/ou madeira que son triturados antes da súa transferencia).
Segundo o estudo realizado polos técnicos e presentado hoxe, sería preciso ampliar a planta en 30.000 metros cadrados para que poidesen realizarse nela os procesos de separación da bolsa amarela, compostaxe de residuos, tratamento de lamas e xestión de residuos hospitalarios.
Compostaxe
Así mesmo, nestes meses de tramitación avanzouse tamén nunha das propostas presentadas nas reunións previas, como é a de incluír a compostaxe no servizo provincial.
Neste sentido, está xa perfilado o concurso para adxudicar o proxecto piloto de compostaxe, que permitirá subministrar 1.300 composteiros nos concellos que se adhiran ao servizo intermunicipal.
Este proxecto suporía un custo estimado de 140.000 euros e só se está á espera de pechar o número de concellos adheridos para poñelo en marcha.
Ademais, estase en contacto con distintas empresas para tratar os temas da construción e xestión dunha futura planta compostaxe na provincia de Pontevedra, pero sempre tendo en conta que o Plan de Xestión de Residuos de Galicia 2010-2020 xa ten prevista unha na zona sur de Galicia.
Novo sistema de tratamento
Por outra banda, tamén está en estudo un novo sistema de tratamento mecánico-térmico. Este proceso tecnolóxico, aínda en fase de desenvolvemento, consistiría no seguinte:
Os residuos recollidos nos municipios chegarían a unha instalación de tratamento onde sería descargados nunha praia de descarga, despois pasarían por un imán para extraer tódolos materias férricos existentes e logo serían  triturados  para diminuír o seu tamaño e favorecer o proceso seguinte. Estes residuos serían introducidos no autoclave ou “pota de presión” para  obter, finalmente, un produto estable e esterilizado.
Deste tratamento obteríanse todos os materiais posibles para a súa valorización, tales como: Fibra orgánica, PET, HDPE, metais non férricos, inertes; combustible derivado do residuo, que se valorizaría enerxeticamente; e un resto non valorizable que iría a un depósito controlado ou calquera outro tratamento final
Servizo máis económico no medio prazo
O presidente da Deputación destacou a vontade de consenso demostrada na xuntanza e incidiu en que o que busca a Deputación é “intentar e, espero poder logralo, facer as cousas da forma máis sensata e razoable posible”.
Así, tras subliñar que se trata dunha actuación  que “está na liña do que agora se necesita, que se agrupen servizos e se fagan máis económicos para os cidadáns”, amosou a súa confianza en que este traballo “nos leve a un servizo máis eficiente e que no curto e medio prazo resulte máis económico”.
Salientou que a disparidade de taxas, de organización do servizo, de períodos de cobranza, de medios… co que se está levando agora a xestión dos residuos fai especialmente dificultoso poñer en marcha un servizo conxunto que busca unha harmonización na provincia.
“Partimos dunha descompensación, que é que ata agora a xestión deste servizo se está a facer de 62 formas distintas”, algo que, segundo afirmou, fai difícil esa homologación, para a que se da un prazo de dous anos.
Nesta liña, anunciou que nos orzamentos de 2014 se contemplará xa unha partida económica para facilitar que os concellos que se adhiran a este servizo poidan facer á adaptación aos custes reais do servizo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario