Da man da Fundación Española da Madeira, súmase ao proxecto El árbol es vida
·
Rafael Louzán
incidiu na relevancia do sector, ao que cualificou de “vital para a economía da
provincia”
·
Francisco
Huidobro, presidente da Fundación, destacou que se trata dunha “iniciativa
pioneira”
·
A de
Pontevedra é a primeira Deputación que se adhire a este proxecto
·
“Trátase
–afirmou Louzán- de recuperar a cadea de emprego e economía do sector forestal”
A Deputación de Pontevedra toma de novo a iniciativa para que a provincia
de Pontevedra recupere o liderado forestal e volva poñer en valor un sector que
“resulta vital para a nosa economía”. Así o afirmou esta mañá o presidente da
Administración Provincial, Rafael Louzán, no acto de sinatura do convenio coa
Federación Española da Madeira (da que é membro Confemadera-Galicia) polo cal a
Deputación se suma ao proxecto El árbol
es vida.
Trátase, tal e como sinalou o presidente da Fundación, Francisco Huidobro
Burgos, da primeira Deputación Provincial de España que se suma a este
proxecto, co que se pretende plantar 10 millóns de árbores en toda España.
No caso de Pontevedra, o convenio establece como obxectivo replantar 4.000
hectáreas de terreo, aínda que a cantidade final dependerá das doazóns e
patrocinios que se consigan.
A este respecto, Rafael Louzán incidiu en que a intención da Administración
provincial é acadar cantas máis hectáreas e árbores plantadas mellor.
Con esta finalidade, a Deputación reunirase con empresas para captar
donantes e patrocinadores, negociará con propietarios forestais a cesión de
terreos, achegará as árbores destinadas á plantación da rede de viveiros que
existe na provincia, responsabilizarase da redacción dos proxectos de
plantación e da contratación dos traballos. Neste caso, á hora de resultar
adxudicatarios das tarefas de plantación terán preferencia as empresas de
inserción social, as persoas en risco de exclusión social e as empresas locais,
xa que se trata de favorecer a xeración de emprego local.
Mecenado ambiental
Louzán incidiu en que as empresas patrocinadoras poderán desgravar do
Imposto de Sociedades ata o 90% do importe doado a este proxecto, ao que se
sumará o beneficio que, segundo recalcou o presidente da Federación Española da
Madeira, obterán en termos de imaxe, visibilidade e publicidade.
Huidobro Burgos subliñou que El árbol
es vida é un proxecto pioneiro en España e a primeira gran iniciativa de
mecenado ambiental, dado que só houbo unha experiencia previa pero de moi curta
duración.
O proxecto busca a alianza entre a iniciativa privada e a pública para
poñer en valor a cultura da madeira e recuperar a capacidade de dinamización
económica, social e ambiental que dá a explotación, conservación e mantemento
do sector forestal, a maiores da súa contribución á prevención de incendios e á
mellora ambiental.
Neste sentido, non só se trata de plantar 10 millóns de árbores, senón que
crear explotacións forestais ben estruturadas e que sexan xestionadas de forma
sostible. Os cálculos dos seus impulsores establecen que permitirá a creación
duns 1.000 postos de traballo e permitirá a redución das emisións de CO2 en 2,2
millóns de toneladas en 40 anos.
Pola súa banda, o presidente da Deputación situou esta iniciativa na aposta
que a Administración Provincial vén facendo polo medio ambiente e,
especificamente, pola posta en valor dun recurso propio e no que a provincia é
especialmente rica, como son os montes.
Este proxecto é outra das liñas que a Deputación impulsa para poñer en
valor uns montes que, na actualidade, están en boa medida infrautilizados ou abandonados.
Súmase así ao programa de eficiencia enerxética presentado onte aos concellos,
que pode servir de estímulo para a explotación da biomasa en Pontevedra.
“Trátase –afirmou Louzán- de recuperar a cadea de emprego e economía do
sector forestal”, nunha provincia na que este ten un gran peso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario