Na fin de
semana o servizo de vixianza deu aviso da presenza de varias árbores nas vías,
así como dun muro e dun poste de tendido eléctrico tirados polo vento
As brigadas provinciais de mantemento das estradas da Deputación de Pontevedra estiveron en total actividade
durante a mañá de hoxe e a fin de semana por causa do temporal. Só durante as
primeiras horas de hoxe luns xa se actuou en medio cento das vías provinciais,
retirando arrastres da chuvia que taponaban tubos e arquetas; eliminando balsas
de auga das calzadas e apartando árbores e ramas que impedían o tránsito.
As últimas actuacións de emerxencia realizáronse en Cambados, Caldas,
Baiona e Mos logo de recibir chamadas do 112. No caso de Cambados advertiuse sobre
as 13.00 horas da presenza de dúas árbores caídas unha enriba da outra na
EP-9005 (Corbillón-Tremoedo) e nestes momentos os operarios aínda seguen
traballando. No caso de Caldas o aviso foi ás 11.20 horas, xa que na EP-8002
(Caldas-San Clemente) precisábase dunha limpeza da calzada por presenza de
moita terra e pedras que foran arrastradas pola auga. Outra brigada tivo que
actuar en Baiona, na EP-2202 (Baiona-Loureza) polo risco de caída de varios
sinais de tráfico, que estaban tirados cara a calzada e poñían en perigo a
circulación.
Durante a mañá tamén foi preciso actuar na EP-2605
(Rebullón-Meixueiro-CUV) por un muro
caído na estrada debido á acumulación de auga que estaba soportando. O aviso
dérao o 112 preto das dúas da mañá advertindo de que había un carril
inhabilitado, polo que a brigada, durante a noite, procedeu a sinalizalo e hoxe
a primeira hora a retirar todos os escombros para facilitar o tránsito.
Ademais de todas estas actuacións de urxencia, todas as brigadas
provinciais estiveron realizando traballos nas vías por zonas. Os equipos da
zona Centro realizaron batidas para limpar as taxeas e evitar así que as balsas
de auga asolagasen as estradas por culpa dos arrastres de ramas, herba e brozas
que atrancaban os desaugadoiros e non deixaban aliviar. Estiveron nas estradas
entre Curro-Portela, Curro-San Amaro, Valiñas-Portela, Portas-Romai,
Goulla-Porráns, Mosteiro-Barrantes, Caldas-San Clemente, entre outras. Na zona
do Salnés actuouse nas vías entre O Grove-San Vicente, no acceso a Siradella, á
praia de Balea, de Carreiro, no camiño Virxe das Mareas.
Durante a fin de semana as brigadas do Centro foron as que centralizaron
tódalas actuacións dos equipos de emerxencia da Deputación por mor do
temporal. Retirouse un taco de madeira
de grandes dimensións que caera da carga dun camión de transporte na EP-0001
entre Bértola-Canicouva-Pontesampaio sobre as catro da tarde. Na mesma vía caeu
o domingo unha árbore que impedía o paso. Despois, foi preciso retirar un poste
de tendido eléctrico da estrada, que tamén tirara varios sinais, na EP-9302
entre Sil-Covas-Barrantes (Ribadumia), e unha árbore na EP-0017 na estrada
Vao-Campañó.
Os equipos con base nos parques de Gondomar e Ponteareas (da zona Sur) estiveron
nas estradas de Arcade-O Viso, Cesantes-O Viso, Arcade-Amoedo, Alxán-O Viso,
Portela-Redondela, Pazos-Borbén, Pazos-Ponteareas, Pazos-Muras, Barcia de
Mera-Mondariz, Caldelas-Salceda, Soutelo-Entenza, Salceda-Picoña,
Covelo-Barciademera, Ponte do Val-Barciademera, entre moitas outras. O repaso das vías continuaba durante a tarde
e, ante a previsión de que o mal tempo continuase, estaba previsto que tamén se
seguira no día de mañá.
Na zona Norte da provincia tamén houbo plena
actividade. Durante a mañá de onte se traballou nas estradas entre Agolada-Cruces, Larazo-Duxame,
Berredo-Brantega, Berredo-Baíña, Orrea-Val-Brocos, Lalín-Rodo-Brantega e
Cruces-Broncos, entre outras moitas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario