§
Reitera o seu apoio ás vítimas
da violencia de xénero e pide a todas as galegas e galegos inconformismo para
rebelarse contra esta lacra
O Goberno galego expresa a súa
máis firme condena polo asasinato de Concepción Reguera Peón, que tivo lugar
esta madrugada no termo municipal de Pontevedra. A falta de confirmación
oficial, todo apunta a que se trata dun caso de violencia de xénero. De ser
así, trataríase da quinta morte por violencia machista rexistrada este ano en
Galicia, un crime polo que o Goberno galego manifesta a súa consternación ao
tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta
repudiable lacra. A Xunta reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos
violentos e apela á corresponsabilidade de toda a cidadanía na erradicación
deste problema público e social de primeira orde.
Lémbrase que as vítimas teñen a súa
disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da
chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o
Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito
territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao
112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.
Cabe lembrar
que o Goberno galego ten a disposición das mulleres vítimas da violencia de
xénero varias medidas de protección e asistencia integral, coma as axudas de
apoio económico, axudas de apoio psicolóxico a través dun convenio co Colexio
Oficial de Psicoloxía, cun teléfono de asistencia gratuito as 24 horas do día
(629.777.595); ademais dunha rede de acollemento, que consta de 5 casas de
acollida e do Centro de Emerxencias situado en Vigo. E outras medidas de apoio
e protección, coma o servizo de asesoramento xurídico online e o servizo
ATENPRO, o servizo telefónico de atención e protección para vítimas de
violencia de xénero.
Ademais, hai que lembrar que na
nosa comunidade hai 80 Centros de Información á Muller en varios concellos de
Galicia que realizan un gran labor, sendo uns dos primeiros sitios a onde poden
acoder as mulleres vítimas de violencia de xénero e onde atoparán axuda de
profesionais na materia, coma psicólogas, avogadas ou asistentes sociais, que
poderán proporcionarlle asesoramento xurídico e psicolóxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario