§
A conselleira do Medio Rural
mantivo esta mañá unha xuntanza coa directiva da Sociedade Cooperativa Horsal,
situada no concello pontevedrés de Cambados
§
No futuro PDR haberá unha
medida específica para o fomento das producións ecolóxicas que terá unha
dotación de 12,68 millóns de euros
§
En Galicia hai 850
explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de
superficie de invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire
libre dedicadas ao cultivo comercial
A conselleira do
Medio Rural, Ángeles Vázquez, reiterou en Cambados a importancia que ten
o sector da horta en Galicia como fonte de emprego e asentamento de poboación
no medio rural. Así o destacou no marco dunha xuntanza que mantivo cos
directivos da Sociedade Cooperativa Horsal, antes de asistir ao seu Xantar
Anual de Confraternización.
Ángeles Vázquez enxalzou o valor dos produtos
da horta galega e a importancia do cooperativismo, así como a unión de esforzos
entre Administración e produtores para afrontar os retos e necesidades dos
consumidores. Así, insistiu en que este sector é vital para o desenvolvemento
do rural e, mostra diso, é que se está a constituír como un interesante
complemento á produción gandeira para algunhas cooperativas leiteiras.
A conselleira deu conta tamén das diferentes
axudas a que poderán optar os hortofruticultores no marco do novo Programa de
Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e das liñas de traballo da
Xunta para o fomento da agricultura ecolóxica. Cómpre destacar que, en relación
con esta última, no futuro PDR haberá unha medida específica para o fomento
deste tipo de producións que terá unha dotación de 12,68 millóns de euros, o
que constitúe case o dobre das axudas que os produtores ecolóxicos recibiron a
través das axudas agroambientais no período 2007-2013.
A horta
e as cooperativas galegas
En Galicia hai 850 explotacións profesionais
de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de
invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire libre
dedicadas ao cultivo comercial, ás que compre engadir 600 máis de cultivo de
faba e grelo. En xeral, os principais cultivos hortícolas en Galicia son a
leituga, cunha produción anual aproximada de 3 millóns de exemplares/ano; o
tomate, cunha produción duns 700.000 Kg/ano; o feixón verde, cuns 500.000
Kg/ano e os pementos, cuns 240.000 Kg/ano.
En relación ao sector, cabe destacar que está
formado por unha ducia de cooperativas específicas de horta e algunha outra de
leite que tenta diversificar a súa produción incorporando a comercialización
dos produtos de horta. O conxunto das cooperativas abrangue preto de 650 socios
e arredor de 175 hectáreas de cultivo. Existen tamén varias Sociedades Agrarias
de Transformación (SATs) de horta e preto dun cento de pequenas asociacións de
produtores localizadas en zonas especializadas nun determinado cultivo, por
exemplo o grelo.
Horsal
S.C.
Esta cooperativa fundouse no ano 1986 e
dedícase á produción hortícola, facturando preto de 1,5 millóns de euros anuais.
Na actualidade está formada por 150 socios que poñen en conxunto unha superficie
aproximada de 25 hectáreas, tanto ao aire libre (10 ha) como en invernadoiros
(15 ha). A produción anual é de 1,4 toneladas entre as súas principais
producións: leituga, pementos e repolo. No ano 2009 foi recoñecida pola
Consellería de Medio Rural como unha Organización de Produtores de Froitas e
Hortalizas (OPFH) e inscrita no Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio
Ambiente como tal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario