§
O sistema do
transporte a demanda será a mellor opción para garantir a máxima cobertura do
transporte público en comarcas como a da Costa da Morte
§
Nesta nova
organización, o Executivo autonómico investirá 2,5 millóns de euros, coa achega
de 2 M € de fondos Feder e este modelo de transporte colectivo estará
plenamente operativo a partir de 2019, cando venzan os actuais contratos
§
Ethel Vázquez
subliña que a Xunta non vai tolerar que ningunha empresa concesionaria dun
servizo público incumpra as súas obrigas
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel
Vázquez, informou hoxe na Cámara galega que no vindeiro ano, a Xunta de Galicia
iniciará a planificación do transporte a demanda, polo que se introduce nos
orzamentos unha importante dotación económica para a licitación dun proxecto de
planificación do sistema de transporte a demanda en Galicia, que permitirá
efectuar unha nova e completa planificación do conxunto da rede transporte
público na Comunidade autónoma galega.
Nesta nova organización, o Executivo autonómico investirá 2,5 millóns de
euros, coa achega de 2 M € de fondos Feder e este modelo de transporte colectivo
estará plenamente operativo a partir de 2019, cando venzan os actuais
contratos.
Tamén remarcou que melloraranse os servizos con medidas como a
implantación, no primeiro semestre de 2016, do sistema de axuda á explotación
(SAE), no que investiron máis de 2 millóns de euros. Como exemplo explicou que
este sistema permitiralle aos habitantes da Costa da Morte e do resto de
Galicia coñecer en tempo real a oferta de servizos.
Na súa intervención, Ethel Vázquez aclarou que para a Xunta o transporte público
constitúe unha necesidade social, sobre todo, para os cidadáns daqueles
concellos e lugares que xeograficamente están máis afastados das cidades
cabeceira ou da súa capital de provincia.
Costa da Morte
Vázquez subliñou que o sistema do transporte a demanda será a mellor opción
para garantir a máxima cobertura do transporte público en comarcas como a da
Costa da Morte e incidiu en que accións coma esta complementarase con outras
como as bonificacións no prezo da viaxe e lembrou que, desde hai máis dun mes,
os veciños de Carballo desfrutan da súa incorporación á Área de Transporte
Metropolitano da Coruña, que lles permite facer desprazamentos habituais ata a
capital provincial polo prezo reducido de 3,13 €; ou desprazamentos internos
por 0,85 €.
Así mesmo, concretou que haberá unha modificación da oferta, coa
posibilidade de complementar a actual rede de transporte público de uso xeral
coa utilización compartida do bus escolar, con varias rutas de transporte
escolar dos concellos de Coristanco e Mazaricos.
En resposta a unha pregunta do grupo socialista, Vázquez quixo lembrar que
na Costa da Morte, a oferta de transporte colectivo estrutúrase,
fundamentalmente, en dous eixes principais: o eixe que, cara a Muros e Noia,
comunica con Santiago e coa fachada atlántica; e o que, desde Fisterra e Cee,
comunica a toda a comarca cara á Coruña. A estes dous e súmanse outras
comunicacións como poden ser as da comarca de Bergantiños con Santiago de
Compostela.
Tolerancia cero ao incumprimento de obrigas
Nos últimos anos, as empresas de transporte que operan nesta zona
trasladaron á Administración autonómica dificultades no mantemento de algunhas
liñas, asegurando que estas non presentan unha correspondencia coa demanda
actual. Xa no ano 2007, o Goberno bipartito autorizou a división en tres
servizos independentes do principal servizo de transporte en autobús o que
supuxo unha importante redución da oferta.
Ethel Vázquez aclarou que a Xunta estuda co máximo rigor a adaptación dos
servizos aos cambios na demanda para lograr a mellora na eficiencia do servizo
público; e evitar que se produzan situacións de perda da sostibilidade no
servizo ou adaptacións inxustificadas da oferta.
A responsable de Infraestruturas aclarou que, en moitos casos procedeuse ao
arquivo de solicitudes presentadas polas concesionarias por considerar que non
estaban xustificadas; exemplo disto son as accións que leva a cabo a Dirección
Xeral de Mobilidade con algunhas que afectan á Costa da Morte. Posto que a
Xunta non vai tolerar que ningunha empresa concesionaria dun servizo público
incumpra as súas obrigas
Vázquez destacou o intenso labor de inspección dos servizos, ao obxecto de
garantir o adecuado cumprimento das cláusulas fixadas nos contratos de xestión
de transporte regular de viaxeiros na Costa da Morte. En canto houbo constancia
das primeiras denuncias da supresión de servizos de forma unilateral e sen
autorización por parte das empresas de transporte que operan nesta comarca
realizáronse inspeccións de xeito continuo, que tiveron como consecuencia o
inicio de 11 expedientes sancionadores por unha contía de 11.000 euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario