A conselleira
de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo o primeiro
encontro de traballo con Milagros Otero
§
Esta medida pioneira consiste nunha axuda urxente de 150 euros ao mes
durante dous anos, máis 450 euros adicionais para aboar cantidades pendentes ou
formalizar un novo contrato de alugueiro
§
Trátase dunha nova iniciativa que se suma ao Plan de realoxos para
afectados por execucións hipotecarias, que permitiu dar unha solución ao 100%
das familias que se dirixiron á Xunta e que cumprían os requisitos
§
A conselleira informou de que nos últimos meses a Xunta asinou acordos
con distintas entidades financeiras que se comprometeron a ceder 240 vivendas baleiras
para destinar a alugueiros sociais a familias en situación de desprotección
§
Salientou que varios bancos, entre eles a maior entidade financeira de
Galicia, se comprometeron coa Xunta a non executar desafiuzamentos por impago
da hipoteca e a permitir que as familias permanezan na vivenda cun alugueiro
social
A conselleira de Infraestrutura e
Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, trasladoulle á Valedora do Pobo, Milagros
Otero, a información sobre o Bono de
Alugueiro Social, posto en marcha pola Xunta de Galicia para axudar as familias
en risco de perder a súa vivenda por non poder aboar a renda da vivenda.
Neste
primeiro encontro, a conselleira reiterou
a súa vontade de manter unha estreita colaboración coa institución do Valedor
do Pobo co obxectivo de garantir o dereito constitucional dos
cidadáns a unha vivenda digna, xa que, remarcou, “o Goberno galego non estará satisfeito mentres unha soa familia estea en
risco de quedar sen fogar”.
Ethel
Vázquez explicou que, con ese obxectivo, a Xunta puxo en marcha o pasado mes de
agosto o Bono de Alugueiro Social, unha medida pioneira que consiste nunha
axuda urxente de 150 euros ao mes durante dous anos e unha axuda adicional de
450 euros, que se poden destinar a aboar cantidades pendentes ou afrontar os
gastos propios da formalización dun novo contrato.
Vázquez lembrou que os programas do Goberno galego se teñen incrementado
nos últimos tempos, “e así seguimos reforzando o programa de realoxos para
afectados por execucións hipotecarias, o que permitiu dar cobertura ao 100% das
familias que se dirixiron á Xunta e que cumprían os requisitos; e asinamos
acordos coa Sareb e con distintas entidades financeiras que facilitan 240
vivendas para a súa adxudicación directa a afectados por desafiuzamentos por
non pagar a hipoteca e o alugueiro”.
Ademais, Ethel Vázquez subliñou que se logrou o compromiso das entidades,
entre elas a principal entidade financeira de Galicia, de non executar máis
desafiuzamentos e permitir que os afectados permanezan na vivenda co pago dun
alugueiro social.
A conselleira entregoulle á nova Valedora do Pobo información completa sobre todos os programas da Xunta destinados a
garantir o acceso a un fogar a aqueles colectivos máis desfavorecidos,
incluídos no Plan RehaViIta, o
primeiro programa autonómico de vivenda, que prevé a mobilización de 600
millóns de euros, a metade fondos públicos, e que beneficiará a máis de 152.000
persoas.
Por último, explicou que con esta reunión búscase que a propia Valedora
do Pobo poña en coñecemento de todos aqueles cidadáns que se dirixan a esta
institución por atoparse nesa situación de desprotección, o que facilitará o feito
de poder dar unha resposta áxil a todas aquelas familias que están en risco de
sufrir un desafiuzamento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario