ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A XUNTA RESERVA MÁIS DE 60 MILLÓNS DE EUROS NOS ORZAMENTOS DE 2016 PARA BLINDAR A CONSERVACIÓN DAS ESTRADAS AUTONÓMICAS E INCREMENTAR A SEGURIDADE VIARIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 26 de octubre de 2015

ETHEL VÁZQUEZ SALIENTA QUE A XUNTA RESERVA MÁIS DE 60 MILLÓNS DE EUROS NOS ORZAMENTOS DE 2016 PARA BLINDAR A CONSERVACIÓN DAS ESTRADAS AUTONÓMICAS E INCREMENTAR A SEGURIDADE VIARIA





A conselleira de Infraestruturas e Vivenda presentou os medios previstos no Plan de Vialidade Invernal 2015-2016,  que estará activo entre o 1 de novembro e o 30 de abril


§         Vázquez subliña que os Presupostos do próximo ano poñen a disposición 25,2 millóns de euros para o aseguramento da vialidade invernal e a conservación ordinaria da rede autonómica de estradas
§         Sinala que as contas do Executivo autonómico tamén reservan 16,6 millóns de euros ao reforzo de  firme en 600 quilómetros de estradas; e recursos para promover campañas de sensibilización
§         A titular de Infraestruturas lembra que o Goberno galego investiu máis de 300 millóns de euros entre 2011 e 2015 en materia de conservación e seguridade viaria
§         A conselleira destaca que se investirán máis de 116 millóns de euros en vialidade invernal e conservación ordinaria nos 4 vindeiros anos
§         Os Plans de Vialidade Invernal son campañas para garantir unhas óptimas condicións de circulación pola rede de estradas de titularidade autonómica ante as posibles condicións meteorolóxicas adversas
§         Para facer fronte aos posibles efectos dunha climatoloxía adversa nas vías, o Goberno galego ten previstos 25 centros, 72 vehículos, 5.700 toneladas de fundentes e un equipo humano formado por 450 persoas

Ethel Vázquez salienta que a Xunta reserva máis de 60 millóns de euros nos Orzamentos de 2016 para blindar a conservación das estradas autonómicas e incrementar a seguridade viaria. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentaron hoxe en rolda de prensa as actuacións e medios previstos no Plan de Vialidade Invernal 2015-2016, que estará activo dende o 1 de novembro ata o 30 de abril.

A titular de Infraestruturas subliñou que os Presupostos de 2016 poñen a disposición 25,2 millóns de euros para o aseguramento da vialidade invernal e a conservación ordinaria da rede autonómica de estradas. Estes contratos contemplarán dende actuacións como desbroce e limpeza das marxes da estrada, reposición da sinalización ata pequenas reparacións funcionais.

As contas do Executivo autonómico tamén reservan 16,6 millóns de euros ao reforzo dos firmes en 600 quilómetros de estradas, tanto en zonas interurbanas como en travesías; 4,2 millóns de euros para mellora da seguridade viaria; e recursos para promover campañas de sensibilización e educación en materia de seguridade para lograr unha maior implicación por parte de todos os cidadáns, fundamentalmente dos máis novos.



Plan de Vialidade Invernal 2015-2016
Vázquez lembrou que a Xunta investirá máis de 116 millóns de euros en actuacións de vialidade invernal e conservación ordinaria nos vindeiros 4 anos co fin de optimizar a seguridade nas estradas. Sinalou que esta é a primeira tempada que se pon en marcha o Plan de Vialidade Invernal contando cos medios materiais e humanos dos novos contratos de conservación integral da rede autonómica de estradas. Son un total de sete contratos que foron licitados a finais de 2014, de forma conxunta co obxectivo de gañar en eficiencia.

Trátase dunha campaña que, entre o 1 de novembro e o 30 de abril, entra en servizo co fin de garantir unhas óptimas condicións de circulación pola rede de estradas de titularidade autonómica ante as posibles condicións meteorolóxicas adversas.

A conselleira indicou que o seu departamento considera unha responsabilidade irrenunciable empregar tódalas ferramentas e recursos precisos para que os usuarios das estradas poidan chegar a tempo e en condicións de seguridade aos seus centros de traballo, de estudo, ou sanitarios. En definitiva, garantir a mobilidade dos cidadáns sen ser condicionada pola climatoloxía.

Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de España: sumando as redes do Estado, da Comunidade e das deputacións provinciais, contabilízanse 18.000 km. de estradas, dos cales 5.500 son de titularidade autonómica. Neste sentido, a conselleira manifestou que conservar estes eixes de comunicación que vertebran o territorio requiren de importantes esforzos e inxentes recursos, motivo polo que nos últimos anos a Xunta sempre situou a conservación e a seguridade na rede de estradas como unha absoluta prioridade.

Vázquez concretou que a Xunta investiu máis de 300 millóns de euros entre 2011 e 2015 en materia de conservación e seguridade viaria. Precisou que a esta aposta responden os 134 millóns de euros -deste orzamento global de 300 millóns de euros-  destinado nestes anos, concretamente a tarefas de conservación ordinaria e vialidade invernal.

Recursos humanos e materiais
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez detallou polo miúdo o conxunto de actuacións, recursos e medios materiais e humanos que prevé o Plan de vialidade na campaña 2015-2016.

A Xunta identificou 965 quilómetros de estradas que teñen maior risco de padecer as consecuencias da neve e tamén do xeo; o 86% deles nas provincias do interior, de Ourense e de Lugo.

Para facer fronte aos posibles efectos dunha climatoloxía adversa nas vías, o Goberno galego ten previsto os medios e os recursos humanos e materiais necesarios e suficientes para garantir que este inverno se poida circular polos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas en condicións axeitadas:
·        25 centros
·        72 vehículos (camións, esparexedoras de sal, retroescavadoras...)
·         5.700 toneladas de fundentes
·        Un equipo humano formado por 450 persoas.

Menéndez indicou que en liñas xerais, o Plan centrarase en accións de vixilancia, tratamentos preventivos e curativos, operacións de mantemento invernal e acopio de fundentes.

Chamamento á prudencia
A conselleira fixo fincapé na necesidade de que os condutores tomen unha especial prudencia e circulen coas máximas precaucións, seguindo consellos básicos, nesta época en que as condicións meteorolóxicas son menos propicias e atendendo ás recomendacións da Dirección General de Tráfico.

Ethel Vázquez concluíu que ningún plan dunha administración pública pode substituír a concienciación dos condutores.


No hay comentarios:

Publicar un comentario