A conselleira de Infraestruturas interveu
hoxe no Parlamento de Galicia, onde subliñou o esforzo do Goberno galego por
facilitar o acceso á vivenda aos galegos
- Indica que o Plan Rehavita, a pesar dos escasos meses transcorridos desde a súa posta en marcha, xa ten en execución arredor da metade das actuacións, que se continuarán implementando nos próximos meses
- Sinala que a Xunta poderá seguir paralizando desafiuzamentos grazas aos convenios asinados coas entidades financeiras, comprometidas a non botar da súa casa a aquelas familias que non poidan pagar por causas económicas
- Concreta que o Bono de Aluger Social tamén evitará os desafiuzamentos por impago do alugueiro mediante un orzamento para 2016 de 1,5 millóns en axudas, un incremento de máis do 47 % en relación ao exercicio anterior
- A conselleira tamén abordou a subsidiación dos préstamos hipotecarios, axudas creadas, financiadas e suprimidas polo Estado, manifestando que a Xunta defendeu os intereses dos beneficiarios e xestionou a axuda e a solución con dilixencia seguindo a lexislación correspondente
Ethel Vázquez destaca que Xunta
incrementará nun 40% as axudas á vivenda o vindeiro ano. Así o manifestou hoxe
a conselleira de Infraestruturas e Vivenda na súa intervención no Parlamento de
Galicia, onde subliñou o esforzo do Goberno galego por facilitar o acceso á
vivenda aos galegos.
Vázquez indicou que o Instituto Galego da Vivenda e o
Solo é o departamento que máis incrementa o seu volume de gasto, concretamente
un 19,9%, xa que o Goberno galego está a traballar en desenvolver programas
propios para garantir unha vivenda aos cidadáns, sexa en réxime de alugueiro ou
de propiedade; e en mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas xa
existentes, a través das axudas de rehabilitación.
A conselleira explicou que a Xunta decidiu plasmar
esta aposta e compromiso no Plan rehaVita, plan galego de rehabilitación,
alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Trátase do primeiro plan
autonómico de vivenda, que beneficiará a máis de 152.000 cidadáns galegos e
suporá un investimento de 600 millóns de euros dos que a Xunta achega máis da
metade.
A titular de Infraestruturas indicou que este plan, a
pesar dos escasos meses transcorridos desde a súa posta en marcha, xa ten en
execución arredor da metade das actuacións, que se continuarán implementando
nos próximos meses.
Ethel Vázquez adiantou que o orzamento do próximo ano
en materia de vivenda servirá para afianzar o programa de Realoxo de Afectados
por Execucións Hipotecarias, que garante unha vivenda a todos os afectados que
o soliciten e que cumpran os requisitos. Engadiu que tamén contribuirá a evitar
os desafiuzamentos por impago do alugueiro a través do Bono de Aluger Social: a
convocatoria de 2015 prevía axudas por importe máximo de 1,02 millóns de euros,
mentres o orzamento para 2016 prevé unha convocatoria por 1,5 millóns, un
incremento de máis do 47 %.
Vázquez indicou que a Xunta poderá seguir paralizando
desafiuzamentos grazas aos convenios asinados coas entidades financeiras, entre
eles a maior entidade financeira de galicia, que se teñen comprometido a non
botar da súa casa a aquelas familias que non poidan pagar por causas
económicas.
O IGVS porá a disposición de administracións públicas
ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades de carácter
social, para que as xestionen en réxime de arrendamento ou outras formas de
ocupación, destinadas a atender a persoas que requiren unha especial atención.
Ademais, no vindeiro ano, o orzamento para
rehabilitación incrementase en máis dun 54%, incluíndo unha partida de 23,6
millóns de euros. Mantéñense as Áreas de Rehabilitación Integral, uns
convenios, que onte mesmo asinaron Ministerio, Xunta e 38 concellos
beneficiarios e que van permitir investir máis de 36 millóns de euros e
contribuír á rehabilitación de case 2.000 vivendas, entre elas, as situadas nos
concellos da área de rehabilitación integral do Camiño de Santiago.
Subsidiación
dos préstamos hipotecarios
A conselleira tamén abordou a subsidiación dos
préstamos hipotecarios, dos que precisou que son axudas creadas, financiadas e
suprimidas polo Estado.
Vázquez manifestou que a Xunta defendeu os intereses
dos beneficiarios e xestionou a axuda e
a solución con absoluta dilixencia seguindo a lexislación correspondente.
Concretou que o problema derivaba dun criterio interpretativo do Ministerio de
Fomento que suprimía a posibilidade de solicitar prórrogas na subsidiación dos
préstamos de vivendas protexidas de planes anteriores ao 2009-2012.
Ante esta situación, levouse a cabo unha proposición non de lei para instar a
modificar ese criterio e remitíuselle un escrito á ministra de Fomento
trasladándolle a preocupación. En agosto de 2014, Fomento remitiu ao IGVS un
novo criterio interpretativo referido á renovación das subsidiacións destes
préstamos.
Nese mesmo mes de agosto de 2014 o Instituto Galego da
Vivenda e Solo comezou a revisión de todas as resolucións denegatorias:
concretamente 1.785 resolucións. As
novas resolucións foron remitidas aos interesados conforme se foron ditando e
hai meses que as comunicacións están xa en mans destes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario