Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

viernes, 10 de febrero de 2017

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓNS NO PROGRAMA “CONECTADAS” DE IGUALDADE





A iniciativa ten como obxectivos mellorar a formación básica das mulleres, contribuír á súa empregabilidade ou superar os malestares derivados da desigualdade de xénero

A Deputación de Pontevedra vén de abrir o prazo de inscricións no programa de Igualdade “Conectadas 2017” despois de que este martes se publicase o extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. As asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes, poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 9 de marzo no rexistro da Deputación (e demais lugares contemplados nas bases) enchendo un formulario que poden atopar no apartado de “Conectadas” da páxina web www.depo.es.

Esta iniciativa do servizo de Igualdade da institución provincial ten o obxectivo de mellorar a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo, reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías e superar os malestares das mulleres derivados da desigualdade de xénero, impulsando accións formativas que incorporan de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

A Deputación de Pontevedra achega neste exercicio a cantidade de 324.000 €, unha lixeira subida de arredor do 1% fronte aos preto de 321.500 € do ano anterior, cunha oferta inicial de cursos situada en 270 (en 2016 ofertáronse inicialmente 267) pero que se podería incrementar, dependendo do prezo definitivo da empresa adxudicataria do proxecto.

Cada unha das asociacións pode solicitar unha única acción formativa ao abeiro desta iniciativa cuxas actividades están abertas a toda a poboación, pero con preferencia para as mulleres xa que unicamente se reserva o 25% das prazas para homes, agás nos obradoiros do bloque “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta ao 50%. Os cursos, cunha duración de 35 horas (5 delas para un módulo de sensibilización na Igualdade de oportunidades) e un prezo non superior aos 6 euros para as persoas participantes, deberán reunir 15 prazas e, como máximo, entre 20 e 25.

As accións formativas de “Conectadas 2017” suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: “Muller emprende” (emprendemento), “Muller e cultura” (dedicado ás artes visuais), “Actualízate” (alfabetización dixital), “Coas túas mans” (traballos manuais), “Porque ti o fas” (xardinería e ornamentación floral), “Súmate ao cambio” (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), “Ponte en forma” (deportes) e “Coidados persoais”.

A Deputación de Pontevedra volve pór en marcha este proxecto ao considerar que a formación é un instrumento imprescindible á hora de acadar unha igualdade real, buscando garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades: económica, política, de participación social, educativa, formativa, laboral, entre outras, sobre as bases da igualdade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario