PONTEVEDRA DISPORÁ DENDE ONTE DUN NOVO LOCAL DE ATENCIÓN PERMANENTE AO DOADOR DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

miércoles, 22 de febrero de 2017

PONTEVEDRA DISPORÁ DENDE ONTE DUN NOVO LOCAL DE ATENCIÓN PERMANENTE AO DOADOR DA AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE




  • O novo local de doazón de sangue de ADOS, situado na Praza do Hospital, inicia a súa actividade o martes 21 de febreiro

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) puxo onte, martes 21 de febreiro, en funcionamento o novo punto fixo de doazón de sangue para a cidade de Pontevedra. O local de atención permanente ao doador de sangue sitúase na Praza do Hospital Provincial, xusto ao carón do novo aparcamento, unha localización céntrica e de doado acceso para os cidadáns que mellora o servizo que ADOS presta os veciños e veciñas de Pontevedra.

O novo local de ADOS no Hospital Provincial de Pontevedra conta cunha superficie de preto de 75 m², incrementando nun 50% o espazo con respecto ao anterior, e dispón de tres postos de doazón que permitirán doar polo xeito convencional e polo sistema de aférese.

Garantir a confort
Este novo local, situado nun módulo ubicado ao carón do aparcamento do centro hospitalario, conta cun axeitado sistema de illamento e está dotado de calefacción e aire acondicionado, para garantir o máximo confort e comodidade tanto para os doadores e doadoras, como para os profesionais sanitarios que desenvolven o seu labor neste punto.

Ademais, para facilitar o acceso de todos os cidadáns que se acheguen cos seus vehículos para efectuar unha doazón de sangue, o local de doazón de ADOS en Pontevedra dispón dun total de 6 prazas reservadas para os seus doadores e doadoras.

Elevada participación
A dirección de ADOS quere amosar o seu recoñecemento a todos os doadores e doadoras de Pontevedra, polas súa elevada participación nas campañas de doazón, xa que, durante o ano 2015, realizaron 3.836 doazóns de sangue, que situaron a este municipio como o terceiro de maior índice de participación entre as sete grandes cidades galegas.

Así mesmo, ADOS anuncia que durante a xornada do luns 20 de febreiro, o punto fixo de Pontevedra atoparase pechado por mor do traslado ás novas instalacións. ADOS pide desculpas pola molestias que este peche momentáneo poda ocasionar e quere convidar a todos os pontevedreses e pontevedresas a achegarse ao novo punto fixo de doazón que estará aberto os luns e venres das 08:00 ás 15:00 e os martes, mércores e xoves das 15:00 as 22:00 horas. Salientar que a partir do 1 de maio e ata o 30 de setembro, o punto fixo de ADOS en Pontevedra terá un horario de 08:00 ás 15:00 horas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario