§ O conselleiro de Cultura e Educación
participou na inauguración da sexta edición de Edugal, o salón da oferta de
educación e formación de Galicia
O conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou as
posibilidades de formación e alta cualificación, así como de innovación e
inserción laboral que ofrece actualmente a Formación Profesional galega, con motivo
da inauguración da sexta edición de Edugal 2017. Neste salón da oferta de educación
e formación de Galicia, que cada ano atrae a centenares de estudantes galegos
que buscan orientación sobre os estudos superiores, o responsable do departamento
educativo do Goberno galego explicou que hoxe, a FP caracterízase pola súa “calidade,
dinamismo, empregabilidade e o número de posibilidades para a recualificación
profesional e a formación continua”.
A maiores do conselleiro, o acto tamén contou
coa participación do presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e
Pequena Empresa (AEMPE), Jose María Corujo; da deputada provincial Digna Rivas;
da concelleira de Benestar Social e Educación, Carmen Fouces; e do presidente
do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. Trala
inauguración, os asistentes realizaron un percorrido pola feira, na que a
Consellería de Cultura e Educación dispón dunha caseta específico sobre
Formación Profesional. Así mesmo, tamén
asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o
delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o xefe
territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares.
O conselleiro tamén se referiu á aposta
decidida da Xunta de Galicia por incrementar ano a ano a oferta de FP Dual, así
como por seguir potenciando os viveiros de empresas nos centros educativos,
favorecendo en ámbolos dous casos o contacto directo co mundo empresarial e a
empregabilidade dos mozos e mozas. Ademais, lembrou o impulso a iniciativas e
proxectos innovadores mediante convocatorias de premios e congresos e, de
feito, anunciou a celebración da segunda edición do congreso Innova FP Galicia,
que se celebrará o vindeiro mes de maio tralo éxito alcanzado o ano pasado.
O
programa de actividades
A feira, que se prolongará xoves e venres,
contará coa participación do CMUS Manuel Quiroga –que se encargará de varias
actuacións musicais–, co CIFP A Granxa de Ponteareas e co CIFP Carlos Oroza,
que se ocuparán da parte gastronómica; así como coa Escola de Imaxe e Son de
Vigo, que ofrecerá unha sesión discoteca e videomapping.
Ademais, profesores e alumnos do IES Chan do
Monte de Marín exporán mañá a súa experiencia no programa “Erasmus +: Formación
práctica en Europa”. Así mesmo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia
(ESAD) organizará un obradoiro de vestiario teatral. O programa de actividades
complétase con varias charla de orientación universitaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario