§
O delegado
territorial, José Manuel Cores Tourís, destacou que dous centros educativos
tiveron que suspender as clases mentres permanece cortada a estrada PO-534 ao
seu paso por Forcarei a causa da caída dunha torre de alta tensión
§
Tamén se
contabilizaron numerosas caídas de árbores en estradas autonómicas, pequenos
danos nos edificios xudiciais por rotura de ventás e no propio edificio
administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra e no Hospital de Montecelo polo
voo dunha das pranchas de revestimento
O delegado
territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta
mañá as numerosas incidencias que o temporal desta pasada noite causou sobre
estradas autonómica así como en centros sociais, xudiciais e educativos da
provincia.
Sen
dúbida, cabe destacar a estrada PO-308, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo,
na zona da Lanzada, xa que as condicións meteorolóxicas adversas da pasada
noite causaron a rotura da pasarela
peonil que se atopa en obras. O forte vento levantou 140 metros desta
infraestrutura, polo que, dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda,
estase a buscar a mellor solución para lastrar a pasarela e evitar que esta
situación se repita.
A nivel de estradas, segundo apuntou Cores Tourís,
atópase pechada a estrada PO-534 que enlaza Lalín con Folgoso ao seu paso polo
concello de Forcarei no Candán, a causa da caída dunha torre de alta tensión de
Red Eléctrica. “Os cables caeron sobre a estrada e a compañía eléctrica está xa
a traballar para solucionar esta avaría. Por seguridade pechouse a estrada e
desviouse o tráfico por outras vías. Agárdase que mañá poida restablecerse a
circulación”.
No resto de estradas contabilizáronse caídas de
árbores, pedras, postes e cables de luz e, nalgúns casos, restos de tellados.
No eido dos centros educativos, o máis afectado é o
IES Chan do Monte de Marín, que tivo que suspender as clases polo levantamento
da cuberta de Bacharelato e ESO. As clases non se retomarán a lo menos ata o
próximo martes. No CRA de Caldas de Reis tamén tívose que suspender as clases
nunha unidade por seguridade, trala caída dunha árbore sobre o tendido
eléctrico. Os CEIP de Soutelo de Montes en Forcarei, de Sobrada en Tomiño e o
EEI Donramiro de Lalín víronse afectados pola falta de luz eléctrica, e o IES
de Poio tivo que adiantar a saída dos alumnos ante o perigo que supuña a pouca
estabilidade das tellas da cuberta. O CEIP de Riomaior en Vilaboa tamén tivo
incidencias pola falta de electricidade así como pola caída de tellas no patio.
No CEIP Vilaverde Mourente de Pontevedra tamén se viu afectada a cuberta pola
caída dunha árbore, así como o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces onde
caeron chapas doutro edificio no patio do centro. A cuberta do edificio de
Infantil do CPI da Cañiza tamén viuse afectada.
Os edificios do Hospital de Montecelo así como da
Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra tamén rexistraron incidencias co
voo de varias pranchas dos seus revestimentos de aluminio nas fachadas. No caso
de Montecelo estase xa a reparar os danos mentres na Delegación Territorial
procederase a soltar unha rede de protección para asegurar as pranchas. No
edificio administrativo da Avenida de Vigo en Pontevedra tamén producíronse
incidencias ao voar varias tellas cerámicas da cuberta e romper unha ventá que
produciu filtracións.
Os técnicos xa estiveron toda a mañá a reparar os
danos causados polo forte vento nalgunhas ventás do edificio xudicial de A
Parda en Pontevedra, así como tamén nestes intres estase a traballar na Casa de
Pontecaldelas que sufriu danos na súa cuberta ao dobrarse a chapa metálica. No
centro do Saiar tamén se viron afectados por goteiras e desprendemento de
paneis do falso teito dunha aula e a Oficina de Emprego da Cañiza tivo que ser
desaloxada e acordoada ante a caída de pranchas do tellado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario