§
Precisa que para acadar este fin, a Xunta executará
de forma simultánea o contrato de elaboración do plan sectorial, do
levantamento topográfico e do proxecto básico e proxecto construtivo
§
Refírese ao
Gran Montecelo como un exemplo de que os grandes compromisos da Xunta en
Pontevedra teñen prazos e presupostos
§
Lembra que no
novo edifico xudicial da Parda, en plena execución, se están a investir 20
millóns de euros para que estea finalizado en 2018
§
Sobre a redefinición
do antigo edificio da rúa Benito Corbal, di que a licitación se levará a cabo
este ano, para poñer á disposición dos pontevedreses e da Universidade de Vigo
un edificio céntrico de 6.000 metros cadrados
§
Subliña que
o trazado da variante de Alba está aprobado e acordado e espera poder sacar o
proxecto a exposición pública neste mes de marzo
§
Expón a
vontade da Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun
investimento de 45 millóns de euros
§
No eido do
deporte, tanto o alcalde como o presidente da Xunta acordan levar a cabo a
construción dun novo pavillón de ximnasia deportiva
O presidente da Xunta de Galicia,
Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe tras unha reunión co alcalde de Pontevedra,
Miguel Anxo Fernández Lores, que o Plan funcional do Hospital público Gran
Montecelo estará listo en maio e que se axilizarán os prazos para tentar
licitalo a finais do ano que vén.
Cun investimento de 140 millóns de euros, Feijóo
precisou que para acadar este obxectivo, e logo da presentación do plan funcional,
a Administración autonómica intentará executar de forma simultánea o contrato
de elaboración do plan sectorial, do levantamento topográfico e do proxecto básico
e proxecto construtivo. “Se somos capaces de licitar de forma conxunta todos
estes contratos, poderemos estar en condicións de licitar a ampliación do Hospital
de Montecelo a finais de 2018”, incidiu, recoñecendo que se trata dun prazo “ambicioso”,
no que tamén hai que ter en conta a vía que o Concello se compromete a facer, o
saneamento e o abastecemento.
Durante a súa intervención, o responsable autonómico
lembrou que na pasada lexislatura, en materia de sanidade pública se mellorou o
Hospital Provincial, coa apertura de tres novos quirófanos,se rematou a
construción do novo centro de saúde da Parda e se sentaron as bases para a
construción do Gran Montecelo, 90.000 metros cadrados máis de hospital. “Sabemos
o que queremos facer en Pontevedra e imos traballar nesta lexislatura para iso.
Arrancamos con proxectos concretos, con calendario concreto e con presupostos
concretos para poder acometer nesta lexislatura os grandes asuntos que afectan
a cidade”, afirmou, destacando como principais eixes de actuación: o Gran
Montecelo, o novo edificio xudicial, a remodelación do edificio administrativo
de Benito Corbal, a variante de Alba e o saneamento da ría, entre outros.
Nova residencia de
maiores
O titular do Executivo autonómico trasladou tamén o
compromiso de seguir traballando pola mellora dos servizos sociais, como proba
a posta en marcha dun novo centro de día para persoas con alzhéimer, que supuxo
a creación de 40 novas prazas públicas, e o incremento das prazas da Galiña Azul
nun 127%, coa creación de tres novas garderías públicas. E avanzou o obxectivo
de licitar nesta lexislatura unha nova residencia de maiores no termo
municipal, para o que se proporá nas vindeiras semanas un plan director ao
Concello.
No eido do deporte, tanto o alcalde como o
presidente da Xunta acordaron levar a cabo a construción dun novo pavillón de
ximnasia deportiva. Unha infraestrutura que, cun investimento conxunto de entre
2,5 e 3 millóns de euros, dará servizo aos clubs pontevedreses, ademais de
poñerse á disposición da alta competición.
Infraestruturas
e saneamento integral da ría
Ao longo da reunión, ambos os dous mandatarios avaliaron a situación
actual das obras do novo edifico xudicial da Parda, en plena execución e no que
se están a investir 20 millóns de euros para que estea finalizado en 2018. E
valoraron a redefinición do antigo edificio da Xunta na rúa Benito Corbal, cuxa
licitación se levará a cabo este ano para poñer así á disposición dos
pontevedreses un edificio céntrico de 6.000 m² entidades e asociacións sociais,
para os servizos que requira a Universidade de Vigo para o Campus Crea e para
concentrar as oficinas de emprego da Xunta.
En materia de infraestruturas, Feijóo lembrou que o trazado da variante
de Alba está aprobado e acordado. “Logo de remitir o proxecto ao Consello,
esperamos poder sacalo neste mes de marzo a exposición pública”. Sobre a
estación intermodal recordou que serán necesarias catro actuacións
diferenciadas: a conexión entre as estacións de autobuses e do tren; a
rehabilitación integral da actual estación de autobuses –propiedade da Xunta-;
a mellora da zona de aparcamento da estación de autobuses así como un novo
acceso –solicitado polo Concello- desde a rúa Josefina Arruti para mellorar
todo o contorno de conectividade.
O responsable do Goberno galego tamén expuxo ao alcalde a vontade da
Xunta de acometer o saneamento da ría de Pontevedra a través dun investimento
de 45 millóns de euros. Unha obra que cualificou de “difícil” porque é
necesario construír un emisario submarino, mellorar a depuradora de Placeres e
que implica aos concellos de Marín e de Poio. Xunto con isto, propuxo ao alcalde
a incorporación efectiva do concello ao Plan de vivendas baleiras.
Neste momento, dixo, para as grandes infraestruturas “temos presuposto e
prazos ambiciosos” para abordar conxuntamente co Concello. “Hoxe temos enfocada
a lexislatura para Pontevedra. Sabemos o que imos facer”, engadiu. “Estou
convencido de que nesta lexislatura todas as cousas que acabamos de referir se
poden ou finalizar ou deixalas en execución co prazo que hoxe o alcalde máis eu
acabamos de comprobar”, concluíu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario