O director xeral de Xuventude e
Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe un encontro cos concelleiros
da área de Arousa, Pontevedra e Caldas
A xuntanza tivo lugar no Espazo Xove de
Vilagarcía, que ofrece información xuvenil e asesoramento aos mozos en
materias como emprego, saídas académicas e profesional, bolsas e axudas
ou ocio e tempo libre
Ovidio Rodeiro informou de que o
programa Iniciativa Xove impulsou nestas comarcas un total de 10
proxectos, a través de asociacións e grupos informais xuvenís, cun
orzamento de 37.150 euros
Preto de 7.500 mozos e mozas dos
concellos das comarcas de Pontevedra, Arousa e Caldas contan xa co
Carne Xove expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da
Consellería de Traballo e Benestar.
Así o indicou hoxe o director xeral de
Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que mantivo unha xuntanza cos
concelleiros da área de Arousa, Pontevedra e Caldas. A xuntanza cos
concelleiros tivo lugar no Espazo Xove de Vilagarcía, unha instalación
do departamento autonómico que ofrece información xuvenil e
asesoramento aos mozos da zona en materias como emprego, saídas
académicas e profesional, bolsas e axudas ou ocio e tempo libre.
Neste centro precisamente realízase o
trámite para a obtención do Carné Xove, así como o dos carnés de
Estudante Internacional, Teacher ou Alberguista, dos que se emitiron en
2012 un total de 614.
Doutra banda, Ovidio Rodeiro informou de
que o programa Iniciativa Xove, dependente da Consellería de Traballo e
Benestar, impulsou un total de 10 proxectos, a través de asociacións e
grupos informais xuvenís, nestas comarcas. Para promover estas
actividades, investíronse 37.150 euros.
En concreto, os dez proxectos
financiados por Iniciativa Xove correspóndense con grupos e asociacións
dos concellos de Cotobade, Pontevedra, Poio, Ribadumia, Sanxenxo,
Valga e Vilagarcía. As iniciativas presentadas centrábanse en temas
como a música, a horticultura ou asuntos históricos.
Ademais un total de 39 mozos e mozas
destas comarcas participaron entre 2010 e 2012 en programas de
mobilidade da Consellería, tales como Galeuropa, unha orde pola que se
convocan axudas para prácticas laborais non remuneradas, que se
realizan en empresas de países da Unión Europea.
No decurso da reunión tamén se presentou
a programación para 2013 deste centro. O Espazo Xove de Vilagarcía
contará en 2013 con actividades de carácter formativo, así como de
lecer e tempo libre.
As actividades de lecer realízanse a
maioría en colaboración coas asociacións xuvenís e outras entidades da
comarca. Entre estas destaca a participación na Liga Galega de Xadrez
dos asistentes aos cursos que se imparten no centro. Tamén se organizan
talleres e obradoiros de coiro, bisutería, reciclado de aceites para
xabón, pintura ou cerámica, así como cursos e actividades relacionadas
coa informática, xa que o centro conta cunha aula dotada con once
ordenadores e wifi libre.
Entre as accións formativas programadas
para 2013 destacan un curso de elaboración de proxectos de animación
sociocultural e turística, outro de animación cultural, un seminario
para a elaboración de proxectos de animación sociocultural e turística e
outro de animación de lecer e tempo libre.
Cada un dos cursos que se ofertan no
Espazo Xove de Vilagarcía contarán con 25 prazas, serán gratuítos e
impartiranse en modalidade semipresencial. Os interesados poderán
inscribirse a través da páxina http://xuventude.xunta.es.
No hay comentarios:
Publicar un comentario