A DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA EN PONTEVEDRA ANALIZA CO SECTOR A EVOLUCIÓN DO PLAN ANUAL DE CONTROL DO XABARIL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 7 de septiembre de 2013

A DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA EN PONTEVEDRA ANALIZA CO SECTOR A EVOLUCIÓN DO PLAN ANUAL DE CONTROL DO XABARIL


§         Na reunión celebrada hoxe estiveron presentes representantes da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, sindicatos agrarios, representantes de tecores e propietarios de explotacións agro-gandeiras

A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra analizou esta mañá co sector a evolución do plan anual de control do xabaril, en especial, de cara a paliar os danos que causa esta especie en comarcas como o Deza-Tabeirós.

Na reunión, organizada pola Xefatura Territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, estiveron presentes sindicatos agrarios (Xoves Agricultores, Sindicato Labrego e Unións Agrarias), así como o presidente da Federación de Pontevedra de Caza e representantes dos tecores de caza de Silleda e Lalín. Tamén estivo presente o xefe territorial deste departamento autonómico, José Luis Díez, así como o xefe da sección de caza, Javier Llanos Tato.

O encontro tivo como obxectivo coordinar, mellorar e axilizar o control da produción de danos agrícolas polo xabaril. Deste xeito, sobre a mesa expuxéronse diversas propostas de medidas que permitisen reducilos danos durante a campaña da sementeira do millo, así como se estableceron protocolos de actuación unificados e coordinados entre labregos, cazadores e o Servizo de Conservación da Natureza que permitan organizar e realizar o control e captura dos exemplares que produzan os danos coa maior brevidade posible.

Deste xeito, acordouse fomentar as esperas e cacerías do xabaril, así como axilizar a autorización, tanto para a posta en marcha de ganchos como de esperas e batidas, “en canto teñamos coñecemento dos danos ocasionados por estes animais”, explicou José Luis Díez, quen matizou que estes tempos dependen da comprobación da situación por parte dos gardas, “salvo nos concellos da zona 1 (como o Deza-Tabeirós), que non necesitan de dita comprobación, ao tratarse da zona máis afectada pola presenza destes animais”. A maiores tamén se aceptou que se facilite a caza do xabaril en zonas vedadas de tecores cando se detecten danos nese entorno.

Ademais, a Xefatura Territorial tamén estudará outras propostas presentadas por cazadores e sindicatos, como a petición de que tanto na recollida como na sementeira se aposte por utilizar no Banco de Terras cultivos de forraxes que disuadan aos xabarís de acudir a comer en parcelas dos agricultores ou gandeiros.

José Luis Díez recolleu a preocupación dos sindicatos agrarios pola abundante presenza deste animal  e trasladoulle que dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estase a traballar “con dilixencia” co obxectivo de minimizar o problema. Deste xeito, recordou que a primeira espera aprobada por danos de xabaril se otorgou o 26 de xaneiro. Dende entón, autorizáronse 76 na provincia e se deu licenza a 200 cazadores para participar nelas. En relación aos ganchos, o primeiro autorizado tivo lugar o 7 de xullo e dende entón desenvolvéronse 26 en Pontevedra.

Finalmente, en total, na provincia, desenvolvéronse 1.316 batidas autorizadas, 307 delas correspondentes a tecores do Distrito XVI, é dicir, Deza Tabeirós. Estas batidas comezaron o 17 de agosto e continuarán ata finais de setembro, durante a época na que o millo é mais apetecible para o xabaril.



No hay comentarios:

Publicar un comentario