§
O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun convenio de adhesión
entre APLU e o municipio pontevedrés
§
Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas
impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes
iguais de modo que o 50% pasará á Xunta e o 50% restante ao concello
O Consello da Xunta autorizou hoxe a
sinatura dun convenio de adhesión entre a Axencia de Protección da Legalidade
Urbanística (APLU), organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas, e o concello pontevedrés de Barro.
Este acordo permite que o municipio
delegue na APLU o exercicio das competencias municipais de inspección,
supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación
coas obras e usos do solo, que se executen sen licenza urbanística ou sen
axustarse ás súas condicións. As actuacións terían que estar situadas nalgunhas
das seguintes clases de solo: rústico e urbanizable, mentres non sexa aprobado
o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos
núcleos rurais delimitados.
A APLU é un ente público de natureza
consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e
plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en
común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se
integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción
en materia de urbanismo, e o desempeño de cantas outras competencias lle
asignan os seus estatutos.
Ingresos compartidos
Os ingresos obtidos por multas
coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias
delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á
Administración autonómica e o 50 por cento restante ao concello.
Cómpre sinalar que a Axencia exercerá
estas responsabilidades desde o día seguinte ao da publicación do convenio no Diario Oficial de Galicia (DOG) e
considérase que a vixencia do convenio será indefinida. Nesta delegación de
competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade
sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da
publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello.
A resolución dos recursos
administrativos interpostos contra os actos emitidos pola Axencia en exercicio
de competencias delegadas corresponderá ao concello.
Por último, o Concello debe prestar a
cooperación e asistencia activa que o organismo autonómico solicite, co fin de
levar a cabo un eficaz exercicio das súas competencias; terá tamén que
facilitarlle ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento,
xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e
axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; e
contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos que establece o citado
convenio de adhesión.
Concellos adheridos
Nestes momentos hai 60 concellos
adheridos á Axencia, que colabora coa Administración local co fin de garantir
un maior cumprimento da normativa urbanística e atallar as infraccións que se
comenten así como repor a realidade física alterada, ademais de achegar maior
información e formación para o persoal do concello que se adhire.
No hay comentarios:
Publicar un comentario