§
O delegado territorial da
Xunta en Pontevedra analizou con Xosé Manuel Fernández Abraldes temas de
infraestruturas, concentracións parcelarias e melloras na Barosa
§
O responsable da Delegación
destacou a colaboración da administración autonómica con este concello, facendo
referencia a proxectos como a posta en marcha dunha escola infantil, a
execución do nó de Curro ou a colaboración na prevención de incendios forestais
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José
Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Barro dentro da rolda de
visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o
pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de
actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.
O obxectivo destas
visitas, como explicou ao novo rexedor de Barro, é “falar cos alcaldes e
alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para
os próximos meses”. Na reunión estivo tamén presente o tenente alcalde da
localidade, José Sanmartín.
Entre os temas que se
analizaron esta mañá atopáronse cuestións como a mellora de infraestruturas como
a PO-531 para garantir a seguridade viaria e a posta en marcha dun novo
proxecto para ampliar a zona da Barosa. Tamén solicitaron información ao
delegado territorial sobre a situación das concentracións das parcelarias do
municipio e sobre a posibilidade da asunción de gastos do centro de saúde por
parte da Xunta de Galicia.
O delegado territorial
destacou a importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e
infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria
a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería
continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de
Pontevedra”.
“Quero destacar a labor
desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos
anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos
en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a
nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de
protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu
Cores Tourís.
En relación ao concello
de Barro, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento
ao anterior alcalde do municipio, José Antonio Landín Eirín, xa que, foi o encargado
de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos
proxectos neste concello, como a nova escola infantil; a remodelación da
intersección na PO-531; a posta en marcha do servizo do nó de Curro e da
primeira fase do abastecemento ao polígono de Barro-Meis.
A mellora do entorno do
río Barosa, no que se investiron 750.000 euros, a asunción por parte da Xunta
das competencias urbanísticas de Barro e a colaboración coa comunidade de
montes de Curro para a prevención de incendios forestais son outros dos puntos
de importante colaboración da administración autonómica con este municipio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario