Durante unha visita ao centro residencial da congregación das Escravas
da Virxe Dolorosa, reivindica o labor das mulleres e
homes que colaboran desde a sociedade civil na atención á discapacidade, e
incide no apoio da Administración autonómica
§ Lembra a mellora nun 20% dos convenios coas
federacións que integran Cermi
§ Destaca a aprobación da Estratexia galega
sobre discapacidade 2015-2016, unha folla de ruta que recolle máis de 400
actuacións en materia de accesibilidade, promoción da autonomía persoal,
educación, formación, emprego, saúde e servizos sociais
§ Afirma que a Rede Galega de Atención Temperá
reforzará o apoio precoz ás persoas con discapacidade
O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade
reflectido en novas liñas de actuación e nun incremento do orzamento para 2016
dun 10%. “Estamos a falar de 94 millóns de euros dedicados exclusivamente á
discapacidade”, aseverou, logo de lembrar que, “comparado co orzamento de 2009,
a partida crece un 45%, pasando de 65 millóns e euros en 2009 a case 95 millóns
de euros hoxe; é dicir 30 millóns de euros máis”.
No tocante ás liñas de actuación, e durante
unha visita ao centro residencial da congregación das Escravas da Virxe
Dolorosa, en Crecente, Feijóo lembrou a mellora nun 20% dos convenios coas
federacións que integran Cermi, e destacou ademais a aprobación da Estratexia galega
sobre discapacidade 2015-2016, unha folla de ruta que recolle máis de 400
actuacións en materia de accesibilidade, promoción da autonomía persoal,
educación, formación, emprego, saúde e servizos sociais.
“Así mesmo, traballamos na creación de novos
servizos de atención residencial e diúrna para os diferentes colectivos da
discapacidade; estamos a implantar a Rede Galega de Atención Temperá, que
reforzará o apoio precoz ás persoas con discapacidade; incrementamos as axudas
para adquirir servizos que promovan unha maior autonomía persoal, e estamos a
apostar, ademais, pola formación dos educadores e das persoas que traballan no
centros ”, engadiu.
O presidente da Xunta reivindicou tamén o
labor das mulleres e homes que colaboran desde a sociedade civil na atención á
discapacidade, incidindo no apoio da Administración autonómica. Nesta liña,
Feijóo referiuse ao traballo, esforzo e dedicación deste centro residencial,
onde a Xunta está a financiar 60 prazas de discapacidade, que se suman ás 79 do
centro que as Escravas da Virxe Dolorosa teñen en Mos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario