§
O delegado
territorial recordou que este ano, a nova liña de subvención conta con 9,5
millóns de euros para a implantación de sistemas de xestión, mobilidade con
combustibles alternativos, auditorías e proxectos de eficiencia enerxética
§
O ano pasado,
acolléronse 39 empresas da provincia que conseguiron axudas por un total de
700.000 euros
O delegado territorial da Xunta en
Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, animou esta mañá as empresas da provincia
de Pontevedra a acollerse a nova liña de axudas para o aforro e a eficiencia
enerxética que contará cun montante global de 9,5 millóns de euros.
Cores Tourís destacou que esta liña está aberta ata o 29 de febreiro e
que permitirá as empresas dos sectores industrial e de servizos a realización
de auditorías enerxéticas, a implantación de sistemas de xestión, a mobilidade
con combustibles alternativos e a posta en marcha de proxectos de aforro e
eficiencia enerxética.
A contía da liña de axudas deste ano aumentou en
relación a 2015, pasando de 1,8 millóns de euros a 9,5. As axudas poden chegar
ata os 200.000 euros por proxecto. Ademais, no caso das pequenas e medianas
empresas, a porcentaxe increméntase un 10%, supoñendo o 40% do total.
O ano pasado, en Galicia acolléronse a estas
axudas un total de 113 empresas, das cales 39 eran da provincia de Pontevedra,
que obtiveron 700.000 euros, é dicir, case o 40% do montante total da liña de
subvencións.
“As actuacións de eficiencia enerxética permiten diminuír
custos e gañar competitividade no camiño cara a fábrica intelixente”, matizou
Cores Tourís, quen destacou que segundo diversos estudos sectoriais realizados
polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a porcentaxe de aforro de enerxía
nestes sectores coa posta en marcha de medidas de eficiencia ascende ata o 15%
para o sector industrial, e ao 30% no sector servizos.
De feito, tal e como argumentou o delegado
territorial, a Xunta de Galicia está na procura de incentivar a transformación
da actividade industrial en Galicia cara a unha industria 4.0 que aumente a súa
competitividade nun mercado global. Neste senso, o Inega establece este sistema
de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas,
relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en
empresas do sector industrial e servizos. As actuacións que se van desenvolver
enmárcanse dentro da Estratexia Enerxética de Galicia 2015-2020 e a Estratexia
de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do
aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitividade
e o fomento do emprego. Estímase que o 90 % do crédito orzamentario se
destinará ao sector industrial e o restante 10 % ao sector servizos.
“O obxectivo é dotar as industrias beneficiadas de
programas capaces de reaxustar, de xeito sistemático, algúns dos seus
parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o
consumo”, engadiu pola súa banda o xefe territorial de Economía, Emprego e
Industria, Ignacio Rial. “Non podemos esquecer que a incorporación de
aplicacións TIC e a sensorización industrial son instrumentos fundamentais para
que as empresas acaden maiores graos de eficiencia na súa xestión”. Nesta liña,
o programa promove de xeito específico a implantación de sistemas de procesado
avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo
enerxético, no camiño cara á fábrica intelixente.
A Xunta de Galicia, continuará a apostar con esta mellor
impulsando tamén proxectos centrados na
mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo
industrial; a instalación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables;
ou a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a
norma ISO 50.001. Ademais, apoiarase a realización de auditorías enerxéticas
que analicen de forma integral o proceso produtivo da empresa e, no eido da mobilidade,
a substitución de vehículos por outros máis eficientes que empreguen
combustibles alternativos.
“Estes proxectos xerarán en Galicia un investimento
conxunto de máis de 32 millóns no tecido produtivo, contribuíndo á adopción de
medidas que permitirán acadar un aforro enerxético de case 11.000 toneladas
equivalentes de petróleo ao ano e un aforro económico de 10 millóns por
exercicio”, rematou Rial, quen indicou que, ao mesmo tempo, se promoverán
arredor de 430 empregos, o 60% deles directos, evitando a emisión á atmosfera
de case 19.000 toneladas de CO2 ao ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario