OS CONCELLOS DA PROVINCIA SOLICITAN MELLORAS DE SEGURANZA VIARIA EN MÁIS DE CEN ESTRADAS DE TITULARIDADE DA DEPUTACIÓN - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 6 de febrero de 2016

OS CONCELLOS DA PROVINCIA SOLICITAN MELLORAS DE SEGURANZA VIARIA EN MÁIS DE CEN ESTRADAS DE TITULARIDADE DA DEPUTACIÓN




César Mosquera anunciou hoxe que 43 gobernos locais de Pontevedra solicitaron a instalación de zonas 30, lombos e redutores de velocidade nos seus municipios

A Deputación de Pontevedra ven de recibir solicitudes de 43 concellos da provincia para o Plan MOVESE (Mobilidade e Velocidade Segura) co obxectivo de aumentar a seguranza viaria nas estradas provinciais. Este plan, baseado na aplicación de medidas de calmado do tráfico tales como a implantación de zonas 30, pasos de peóns sobreelevados ou redutores físicos de velocidade, pretende conseguir unha mobilidade máis segura para os peóns en zonas conflitivas tales como cruces ou tramos de perigosidade. En total, hai peticións para máis de 100 viais, segundo hoxe anunciou o vicepresidente César Mosquera, quen sinalou que "hai problemas históricos de seguranza viaria que se van resolver grazas a este plan". 

O Plan MOVESE foi posto en marcha a medidados de xaneiro polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez. Déuselle de prazo aos concellos ata o 1 de febreiro para presentar as súas necesidades e a resposta foi contundente e inmediata. Grazas a esta actuación poderanse analizar as necesidades principais e priorizar unha actuación coordinada, xa que en anteriores mandatos provinciais as peticións dos concellos chegaban de forma descoordinada á Presidencia da Deputación, aos vicepresidentes e deputados e aos propios servizos técnicos de forma non sistematizada. 

A partir de agora, o departamento provincial de Mobilidade analizará as solicitudes presentadas e se se cinguen ás actuacións propostas para o calmado do tráfico. Unha vez feito o análise técnico e logo dunha visita dos técnicos provinciais a cada zona para establecer cales son as actuacións máis acaídas en cada estrada procederase á licitación e executación das melloras de seguranza viaria. Darase prioridade ás actuacións en contornos de colexios ou núcleos de centralidade.

100% financiamento provincial
En canto ao proceso para poñer a andar a iniciativa, o Plan MOVESE supón un cambio en relación a como viña actuando a Deputación ata o de agora, xa que foron os propios concellos os que expuxeron cales son as súas necesidades.  Cabe lembrar que a Deputación financiará o 100% das actuacións e, de ser preciso, haberá continuidade durante todo o mandato para esta liña de actuacións, xa que o departamento de Mobilidade recibe periodicamente peticións de actuacións e ten constatado que na súa maior parte están relacionadas con problemas de seguranza viaria.

 A rede de estradas provinciais está formada por 377 vías cunha lonxitude total de 1.700 quilómetros, supón unha trama de vías secundarias, non de alta capacidade, que na súa maioría cruzan núcleos de poboación ou pasan por zonas cun tránsito peonil importante. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario