Tres restaurantes pontevedreses uníronse este sábado á celebración na cidade da terceira edición do CocidoDay, o Día Internacional do Cocido.
Numerosas persoas déronse cita en El Cafetín, a Taberna Zentola e o restaurante Xantares para gozar deste prato tradicional galego e, ao mesmo tempo, presumir del a través das redes sociais.
Porque ese é, sen dúbida, o gran obxectivo deste evento. Que os participantes, ademais de degustar un bo cocido, compartan esta experiencia a través das redes sociais.
Así, redes como Facebook, Twitter ou Instagram enchéronse este sábado de fotos de cocido galego e no caso da rede do paxaro azul, o hashtag proposto #CocidoDay foi trending topic nacional -un dos temas máis comentados do día en España- durante máis de oito horas.
Para moitos dos comensais foi a mellor maneira de combater o frío. En cada mesa dos restaurantes participantes, algúns deles situados noutros puntos de España como Madrid, Barcelona, Tenerife, Murcia, Valladolid ou Bilbao, había un responsable ou #CocidoLeader, xunto con persoas que destacan pola súa presenza en redes sociais ou medios de comunicación -os denominados influenciadores 2.0-, que foron comentando o evento.
Pero tamén numerosas persoas anónimas decidiron sumarse a esta celebración e aproveitar este CocidoDay para degustar un bo prato deste manxar, noutros establecementos hostaleiros ou nos seus propios domicilios.
Ademais de Pontevedra, Barro tamén se uniu a esta celebración. Foi no restaurante BarosaGastro, no que estaban convidados diferentes personalidades chegadas desde diferentes puntos de Galicia, Madrid ou a Comunidade Valenciana, así como algúns dos perfís máis representativos do turismo ou a gastronomía galega.
http://pontevedraviva.com/xeral/26262/cocido-day-tercera-edicion-restaurantes-pontevedra-barro/
No hay comentarios:
Publicar un comentario