Entrará en vigor o día
26 de marzo e a partir de aí establecese o prazo para a inscrición
§ Este Decreto regulará a incorporación ao mercado das
vivendas baleiras e promoverá a súa utilización na planificación das políticas
sociais neste sector
§ Será obrigatorio o rexistro das vivendas baleiras
propiedade de entidades financeiras, filiais inmobiliarias e entidades de
xestión de activos cando se atopen en concello de máis de 10.000 habitantes
§ O incumprimento da obriga de inscrición conlevará unha
sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado
§ Incorpórase a posibilidade de inscrición voluntaria
para os inmobles desocupados propiedade dos concellos ou doutras
administracións públicas
§ Tamén poderán inscribirse voluntariamente as vivendas
baleiras propiedade de persoas e empresas en calquera municipio
O Diario Oficial de Galicia (DOG)
publicouonte o Decreto polo que se crea e se regula o funcionamento do Censo de
Vivendas Baleiras da Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxectivo
incorporar ao mercado o parque de inmobles desocupados que son propiedade dos
bancos e promover a súa utilización na planificación das políticas sociais de
vivenda.
O censo permitirá dispoñer de
información adecuada en relación co estado de ocupación do parque de vivendas
de Galicia co obxecto de realizar a planificación social da política de vivenda
por parte da Xunta de Galicia.
A inscrición das vivendas no censo
será obrigatoria para todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios
de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en
concellos de máis de 10.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia,
sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais
inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos, incluídos os procedentes
da reestruturación bancaria, con independencia de onde se atope o domicilio
social dos seus titulares.
O Decreto entrará en vigor o
vindeiro día 26 de marzo e, desde entón, as entidades disporán dun prazo de
seis meses para inscribir os inmobles que nese momento se atopen desocupados.
Para as vivendas que se rematen ou
se baleiren con posterioridade á entrada en vigor do Decreto, establécese un
prazo máximo de oito meses desde a obtención da licenza de primeira ocupación
ou desocupación da vivenda polo remate dun contrato de alugueiro ou a compra da
mesma.
O incumprimento da obriga de
inscrición conlevará unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non
rexistrado.
No Censo de Vivendas Baleiras
poderán inscribirse de maneira voluntaria o resto de vivendas baleiras da
comunidade autónoma, sexan propiedade de persoas físicas ou xurídicas e
independentemente do tamaño do concello onde se empracen.
Con respecto ao borrador do Decreto publicado
hoxe, establécese a posibilidade de que se inscriban tamén de forma voluntaria
as vivendas baleiras propiedade dos concellos e outras administracións
públicas.
No caso de vivendas de inscrición
voluntaria poderase solicitar en calquera momento.
A efectos do Censo, considéranse
vivendas baleiras as que non sexan ocupadas polos seus propietarios ou non
exista unha persoa usuaria que dispoña do correspondente título que lle dea
dereito a súa ocupación.
Medidas
O Decreto inclúe as medidas que a
Xunta de Galicia poderá adoptar para favorecer a ocupación das vivendas
baleiras, que son:
1. A Xunta poderá impulsar a
sinatura de acordos de colaboración co obxecto de destinar as vivendas
inscritas no censo a atender a persoas afectadas por procedementos de execución
hipotecaria ou por desafiuzamentos por impago de rendas de aluguer.
2. Ademais, o Goberno galego poderá
mediar entre as persoas propietarias das vivendas baleiras inscritas e as
persoas demandantes de vivenda, coa fin de favorecer a súa ocupación,
facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición. Para tal
fin, as vivendas baleiras inscritas propiedade das entidades de crédito, e das
súas filiais inmobiliarias e das entidades de xestión de activos, incluídos os
procedentes da reestruturación bancaria e, sempre que se axusten aos prezos
máximos establecidos para as vivendas protexidas, poderán ser ofertadas polo
seu propietario á Xunta para a súa adxudicación a través do Rexistro Único de
Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto en aluguer como
en venda.
3. Así mesmo, co previo
consentimento dos propietarios as vivendas inscritas no censo poderán ser
utilizadas nos programas de fomento do aluguer que desenvolva a Xunta ou as
administracións locais
No hay comentarios:
Publicar un comentario