CASE 19.900 ALUMNOS DE PONTEVEDRA E A SÚA ÁREA BENEFICIARANSE ESTE ANO DOS CONTRATOS-PROGRAMA IMPULSADOS POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 5 de febrero de 2016

CASE 19.900 ALUMNOS DE PONTEVEDRA E A SÚA ÁREA BENEFICIARANSE ESTE ANO DOS CONTRATOS-PROGRAMA IMPULSADOS POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN





  • Na sinatura destes plans de mellora Román Rodríguez salientou que o dato do último trimestre nos achega ao 15% obxectivo da Estratexia, Educación e Formación 2020 da Unión Europea
  • Un total de 88 centros educativos públicos desenvolverán estes plans de mellora

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe a sinatura dos contratos-programa que desenvolverán 88 centros educativos públicos de Pontevedra e a súa área neste curso 2015/2016, un acto no que sinalou estes plans de mellora como unha das políticas educativas da Xunta que permitiu baixar o abandono educativo temperá en Galicia case 9 puntos respecto de 2009. Neste sentido, o titular do departamento de ensino do Goberno galego salientou que o último dato trimestral dispoñible sitúa o abandono en Galicia nun 15,7%, moi preto xa do 15% obxectivo da Estratexia, Educación e Formación 2020 da Unión Europea. Ademais, a media do ano 2015 foi do 17%, case 9 puntos menos ca media do ano 2009.

O conselleiro explicou que a través dos contratos-programa e partindo da autonomía dos centros conseguiuse, ademais de visibilizar o esforzo da comunidade educativa en prol do éxito escolar, afondar na cultura da avaliación.

Neste sentido destacou que este curso un total de 69 centros galegos desenvolverán contratos-programa deseñados de forma específica en función dos resultados da proba de terceiro de Primaria realizada o mes de maio pasado. Todos eles contarán, ademais, cun profesor de apoio contratado a maiores para desenvolver este plan de mellora.

Román Rodríguez salientou, así mesmo, como obxectivos dos contratos-programa mellorar a adquisición de competencias clave, favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables e apoiar a evolución do alumnado con maior capacidade e motivación para aprender e, en xeral, mellorar a calidade educativa e loitar contra o abandono temperá.

Liñas de actuación
Un total de 88 centros públicos de Pontevedra e área –49 de primaria e 39 de secundaria– beneficiaranse desta iniciativa, que ten como obxectivos promover a excelencia educativa e loitar contra o abandono escolar. A iniciativa beneficiará este curso a case 19.900 alumnos desta zona, e contará coa implicación de máis de 1.460 docentes dos centros que nela participan nesta área.

A liña de actuación máis solicitada continúa a ser a número 1(antigo programa PROA), para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural. Un total de 71 centros docentes desenvolverán esta primeira liña, para o que contarán cun total de 41 docentes de apoio contratados a maiores pola Consellería para tal fin.

A liña número 2, a referida á mellora das competencias clave, é a segunda en número de participantes. Así, a liña 2a, competencia matemática, será de desenvolvida por 29 centros; mentres que a 2b, competencia en comunicación lingüística, contará con 25 centros participantes; pola súa parte, a 2c, deseñada para reforzar as competencias en ciencia e tecnoloxía, será desenvolvida por 11 centros.

No caso da terceira liña, que se centra na mellora da convivencia e incorpora este ano por primeira vez a promoción da igualdade, contará coa participación de 23 centros; na liña 4, dirixida á prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar, participarán 7 centros.

Nas liñas 5 e 6, dirixidas á mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e á mellora da calidade na xestión dos centros, participarán 18 e 7 centros educativos públicos, respectivamente.


Os centros participantes en Pontevedra e área son os seguintes:
NOME CENTRO
CONCELLO
1
2a
2b
2c
3
4
5
6


IES de Barro
Barro
X







Incremento de orzamento

Os contratos-programas procuran unha mellora da calidade do ensino para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento. Para iso, cada centro de ensino analiza as súas eivas e fortalezas e propón á Administración educativa a sinatura dun documento, ‘o contrato-programa’, no que se propoñen actuacións para a mellora do alumnado. Deste xeito, a actuación funciona como un exercicio de autonomía dos centros, posibilitando que deseñen os seus propios plans de mellora en base ás súas necesidades particulares.
No conxunto de Galicia serán 378 os centros que desenvolvan contratos-programas, do que se beneficiarán máis de 82.000 alumnos, 7 veces máis ca hai 5 cursos. Isto supón que 1 de cada 3 centros públicos está integrado neste iniciativa.
Cómpre salientar, ademais, que a Consellería reforzou este ano a partida orzamentaria destinada aos contratos-programa, que acadan os 3,1 millóns de euros, un 18% máis ca no curso anterior. Isto permite a contratación en toda a Comunidade Autónoma de 154 docentes externos de apoio adicionais – para o desenvolvemento da actuación 1, a coñecida como ‘PROA’-, un 61% máis que o ano pasado, dotando deste persoal a todos os centros que o solicitaron. Ademais, implicaranse nos contratos-programa un total de 6.375 profesores dos centros que os desenvolven.
                                    

No hay comentarios:

Publicar un comentario