A Xunta abre o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

lunes, 1 de febrero de 2016

A Xunta abre o prazo para solicitar a prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de tres anos


  • O orzamento inicial da orde increméntase en máis do 65% neste exercicio, ata os 3 millóns de euros, fronte aos 1,8 millóns consignados en 2015
  • A prestación contempla un pagamento único por cada fillo ou filla menor de tres anos: 360 euros polo primeiro/a; 1.200 polo segundo/a; e 2.400 polo terceiro/a
  • Os destinatarios son aquelas persoas que non estiveran obrigadas a presentar a declaración do IRPF, nin o fixeran voluntariamente
  • O prazo para achegar as solicitudes estará aberto dende hoxe xoves ata o 7 de marzo, ambos incluídos. Isto é, por un período de 40 días naturais dende o día seguinte da publicación da orde no DOG
  • A tramitación da solicitude pódese realizar a través dos e das traballadores/as sociais dos concellos

A Xunta de Galicia informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 27 de Xaneiro a orde que regula a concesión da prestación económica por fillo ou filla a cargo, enmarcada no novo Programa de Axuda á Natalidade (PAN) que está a desenvolver a Consellería de Política Social. A novidade máis destacada desta orde é que para este exercicio de 2016 o seu orzamento global chega ata os 3 millóns de euros fronte aos 1,8 millóns consignados a anualidade anterior –isto supón un incremento do 66,6%-. Ademais, este crédito inicialmente consignado poderá ser obxecto de ampliación no caso de que sexa necesario, co obxectivo de garantir que as axudas sexan recibidas por todas as familias que cumpran os requisitos.
O obxectivo desta achega é contribuír a paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dunha filla ou fillo, e está dirixida a aquelas persoas que non estean obrigadas a presentar a declaración do IRPF correspondente ao ano 2014, nin a teñan presentado de forma voluntaria.
A prestación efectúase mediante un pagamento único en conta bancaria que será de 360 euros polo primeiro fillo ou filla do solicitante, de 1.200 euros se é o segundo/a e de 2.400 se é o terceiro/a ou sucesivo. Cómpre destacar que esta prestación por fillo/a a cargo é compatible con outras axudas de apoio á familia e á infancia que tamén forman parte do Programa de Axuda a Natalidade. Estas son: as deducións fiscais nas mesmas contías por nacemento ou adopción para familias que realizan a declaración do IRPF, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo/a e aos menores en situación de acollemento familiar, e axuda directa aos pais e nais de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do neno/a a través da Tarxeta Benvida.
Poderán optar á prestación por fillo/a cargo aquelas persoas que teñan fillos/as menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2016 (nacidos entre o 2 de xaneiro de 2013 e o 1 de xaneiro de 2016, incluídos). Tamén poderán ser beneficiarios desta convocatoria aquelas familias con fillos/as adoptados/as ou acollidos/as entre o 31 de decembro de 2014 e o 31 de decembro de 2015, e neste caso a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
Para solicitar a axuda é necesario que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia e que os nenos/as convivan coa persoa solicitante. A petición poderá efectuarse por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na da sede electrónica da Xunta de Galicia –https://sede.xunta.es-, ou ben en soporte papel presentándoa en calquera dos rexistros establecidos. A tramitación da solicitude pódese realizar a través dos e das traballadores/as sociais dos concellos.
O prazo de presentación das solicitudes será do 28 de xaneiro ata o 7 de marzo, ambos incluídos. Isto é, por un período de 40 días naturais dende o día seguinte da publicación da orde no DOG. O tempo de resolución destas axudas é de cinco meses contado dende o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro.
Programa de Axuda á Natalidade
Esta prestación por fillo/a a cargo forma parte do Programa de Axuda á Natalidade (PAN) co que o Goberno autonómico procura que Galicia sexa un lugar mellor para vivir, formar unha familia e, sobre todo, para ser neno/a. Así, o PAN ten tres eixes fundamentais de actuación: axudas directas, programas de conciliación e servizos; e dentro do PAN – Axudas atopamos, ademais desta medida, as seguintes:
- A Tarxeta Benvida: axuda aos pais e nais de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do neno/a para a compra de produtos de alimentación, de hixiene e farmacéuticos. Esta prestación diríxese a rendas familiares que non superen os 45.000 euros ou a rendas per cápita que non estea por riba dos 13.500 euros.
- Deducións fiscais por nacemento ou adopción de fillos/as para contribuíntes cuxas rendas sexan iguais ou inferiores a 22.000 euros. Estas deducións son de 360 euros polo primeiro fillo/a, de 1.200 polo segundo/a e de 2,400 polo terceiro/a e sucesivos).

- Exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo/a daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar.
Os bonos Concilia e Coidado no Rural, así como o incremento de prazas en escolas infantís sustentadas con fondos públicos son outras liñas de actuación en que está a traballar a Consellería de Política Social no ámbito do apoio ás familias galegas e á infancia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario