§ A tramitación segue os prazos inicialmente
previstos, de modo que se prevé licitar e comezar a execución da obra ao longo
do ano que vén
§ Esta obra, que conta cun orzamento de 140
millóns de euros, converterá o Gran Montecelo nun hospital máis amplo e máis
cómodo, con 120 camas máis e un 50% máis de superficie
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o
Consello da Xunta aprobou e deu luz verde á declaración de incidencia supramunicipal
do proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo de
Pontevedra.
“Permítenos modificar o planeamento da cidade
de Pontevedra para poder, no seu momento, ter licencia que nos habilite á
construción do hospital”, explicou o titular do Goberno galego.
A continuación, Feijóo concretou os
obxectivos da declaración de incidencia supramunicipal. En primeiro lugar, dar
cabida á área na que se situará o novo hospital, lindeira coa parcela actual
polo sur. Trátase dunha parcela de 9,6 hectáreas que practicamente cuadriplican
as 2,5 hectáreas actuais.
En segundo lugar, contemplar a nova vía de
acceso proxectada polo Concello de Pontevedra e que ofrece unha variante para o
tráfico que actualmente circula pola Avenida Montecelo. E, en terceiro lugar,
posibilitar a creación de aparcadoiros suficientes que satisfagan as futuras
necesidades producidas pola ampliación do servizo asistencial.
Deste xeito, a tramitación segue os prazos
inicialmente previstos, de modo que se prevé licitar e comezar a execución da
obra ao longo do ano que vén. Con esta ampliación, afirmou o titular do Goberno
galego, o centro hospitalario pontevedrés será máis humano, con espazos máis
acolledores en áreas delicadas como a diálise, a oncoloxía, os coidados
paliativos, o hospital de día ou a área materno-infantil.
Así mesmo, o Gran Montecelo será un hospital
máis completo con novas unidades: UCI pediátrica; unidade de oncoloxía
radioterápica; unidade de traballo, parto e recuperación; e área de medicina
nuclear.
Un hospital máis amplo e cómodo
Nesta mesma liña, Feijóo destacou que esta
obra de mellora, que conta cun orzamento total de 140 millóns de euros,
converterá o Gran Montecelo nun hospital máis amplo e máis cómodo, con 120
camas máis e un 50% máis de superficie. Igualmente, contará cun 92% máis de
salas e postos de urxencias; un 57% de cuartos individuais, fronte ao 36%
actuais; e un 49% máis de postos no Hospital de día, que pasan de 109 a 162.
Así as cousas, o presidente da Xunta subliñou
que coa ampliación do Hospital Gran Montecelo séguese a completar a mellora do
mapa hospitalario de Galicia e Pontevedra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario