O persoal técnico aconsella
aproveitar os tratamentos para incluír tamén materias activas contra a botrite
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir
no seu último aviso fitosanitario que é impresdincible comprobar os síntomas de
Mildeu nas viñas e renovar as aplicacións se hai esporulación nos fungos
antigos, se aparecen novos, ou se a viña ten historial ou hai condicións
favorables.
O persoal técnico sinala que
nas visitas realizadas esta semana aos viñedos non se detectaron novas manchas
de ‘aceite’, aínda que si avances a partir de síntomas antigos, e subliña que a
lixeira melloría do tempo suporá unha situación de máis risco. Por este motivo,
a técnica Rosa Pérez destaca que é necesario fixarse moi ben nos acios,
altamente sensibles nestes momentos, pois a estas alturas da campaña os
síntomas soen aparecer uns días máis tarde que nas follas.
Como consello, ademais da
necesaria vixilancia e tratamento, dende a EFA advirten que despois da
floración, e tanto pensando no Mildeu como na botrite, é preciso cortar o
exceso de vexetación das viñas, mantendo sempre a cuberta vexetal ben segada
como algo imprescindible para evitar retencións de humidade.
En canto ao resto das
patoloxías na viña, aconséllase manter un nivel alto de vixilancia para o
Oídio, para a botrite e para o Black Rot. Con respecto á botrite, indícase que
no caso de ter que renovar a intervención antimildeu é conveniente tamén elixir
funxicidas que leven na súa composición unha materia activa con efectos contra
a enfermidade. E, dado que comeza un período de elevada sensibilidade do acio
ao fungo de Black Rot, tamén principios activos contra este, aínda que só en
parcelas con presenza contrastada da enfermidade.
Outros
cultivos
O mantemento do tempo húmido
propiciou a aparición de novos síntomas do moteado nas maceiras, en especial nas follas (aínda non nos froitos) de plantas
testemuña e nas variedades sensibles, polo que é recomendable renovar ó
tratamento naquelas plantas susceptibles e/ou con síntomas.
Tamén é necesario manter as
plantas protexidas se hai antecedentes de couza da mazá e non se efectúa un
seguimento mediante trampas de feromonas.
Hai que lembrar que esta especie de
couza, ademais de afectar á maceira, tamén ataca a pereira,
marmeleiro ou mesmo a nogueira e que os danos das súas
eirugas poden ser moi importantes, de ata máis do 80% de froitos atacados
nalgunhas campañas e localizacións. Nas parcelas de seguimento propias da EFA e
tamén noutras incrementouse nesta semana a presenza de Oídio nalgunhas
variedades de maceiras, mentres as colonias de pulgóns mantivéronse estables.
En canto á cerceira, nesta semana aínda se observan máis froitos en maduración
afectados por
Monilia e botrite. Se non se aplica un tratamento antes
da colleita (hai funxicidas autorizados con 3 días de prazo de seguridade) é
conveniente facelo despois para eliminar inóculo de cara á próxima campaña.
Finalmente, no relativo ás plantas de horta, coa elevada humidade
a nivel das plantas e do solo que hai estes días haberá que aproveitar os
claros para renovar as intervencións contra o Mildeu Hai que ter en conta que
se finalmente se produce unha subida de temperaturas o risco de infeccións
seguirá sendo elevado pola evaporación do exceso de auga acumulado.
Buxo
e frondosas
Esta semana observáronse os
primeiros catro adultos da primeira xeración do ano da eiruga do buxo (Cydalima perspectalis) na finca de
Areeiro, pero non noutras sebes que se estudan. Ante a gravidade das
defoliacións que pode xerar este insecto é imprescindible estar atentos á
aparición das primeiras eirugas para poder tratar tan pronto aparezan os
primeiros síntomas.
Por outra banda, como ven sendo
habitual nesta época, e pese a que as condicións de clima tan húmido non os
favorecen especialmente, non é difícil ver diversas especies arbóreas de
ribeira (salgueiros e ameneiros principalmente) cos típicos síntomas de
alimentación de escarabellos crisomélidos. “De momento, e segundo as nosas
observacións, non é alarmante”, explica Pérez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario