O persoal técnico sinala que
o risco de infección por Mildeu é baixo nas viñas protexidas e que xa é posible
iniciar a poda en verde
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir
no seu último aviso fitosanitario da aparición dos primeiros síntomas de Oidio
en follas de Albariño tanto en fincas de Areeiro e do Condado, así como noutras
variedades de tinta sensibles. Por outra parte, o persoal técnico destaca que o
Mildeu parece controlado nas plantas tratadas e o risco de infección será baixo
a vindeira semana polo tempo seco e soleado. Así mesmo, advirten de fallos no
callado das uvas que poden confundirse co fungo.
Nesta semana atopáronse os
primeiros síntomas do Oidio en folla de Albariño, mais eran moi puntuais e
limitados poucas plantas por parcela, sendo a xeneralidade a ausencia de
sintomatoloxía. Por este motivo, e pese a estar nun período de elevada
sensibilidade ao fungo e a que as temperaturas elevadas tamén o favorecen,
considérase que en xeral non é urxente tratar e que se pode agardar a renovar
as intervencións fronte ao Mildeu para aplicar o tratamento fronte a este
patóxeno. Se localmente se produciran néboas ou nebulosidade que provocara un
filtrado da luz solar e/ou un incremento da humidade habería que elevar o nivel
de atención e tratar se se detectan síntomas.
En canto ao Mildeu observáronse
as primeiras manchas neoformadas afectando a follas da parte máis tenra dos
gromos e acios afectados nalgunhas plantas testemuña de Albariño, pero non
había síntoma algún nas plantas sometidas a tratamento. Para os próximos días,
nos que se anuncia tempo seco e soleado, hai escaso risco de infección e non
deberían aparecer novos síntomas nas viñas protexidas, pero dado que as viñas
están nun período de elevada sensibilidade ao patóxeno hai que seguir mantendo
a vixilancia. Hai que ter en conta que algúns viticultores veñen de confundir
os fallos no callado do acio con síntomas desta alteración, mais non son tal.
Por outra parte, nas viñas con
excesivo desenvolvemento da vexetación e nas que maioritariamente tivera
finalizado a floración xa poden iniciar as labores de poda en verde, sobre todo
considerando que nos próximos días é de esperar que aínda haxa maiores
crecementos debido á humidade acumulada e ás temperaturas altas. Vólvese
insistir na necesidade de manter a cuberta vexetal ben segada.
Finalmente, o aviso
fitosanitario destaca que está a rematar o voo da primeira xeración de Lobesia
botrana (ver curvas de voo, publicadas esta semana por primeira vez na
campaña), e nas próximas xornadas espérase que comece o da segunda xeración. Canto aos niños ou glomérulos, os niveis de
presenza na xeneralidade das parcelas visitadas está entre o 8 e o 15% dos
acios, hai unha viña do Rosal onde hai máis do 50%, e normalmente con máis de 3
niños por acio. Se ben é certo que os glomérulos son un síntoma máis alarmante
que perigoso, nesta última finca si está xustificado neste momento un
tratamento e máis nunha campaña como esta na que houbo un aclareo de grans
producido polas choivas na floración.
No hay comentarios:
Publicar un comentario