Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 18 de febrero de 2016

ETHEL VÁZQUEZ INFORMA AOS VECIÑOS E AO ALCALDE DE BARRO DO INICIO DOS TRÁMITES PARA CONTRATAR AS OBRAS DE MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA PO-531, NO ACCESO DO POLÍGONO DE SEQUEIROS





§         Avanzou que a previsión é convocar o concurso público para a execución dos traballos o vindeiro mes de abril
§         A actuación contará cun orzamento de máis de 500.000 euros e suporá a construción dunha glorieta no punto quilométrico 8+250 para reducir a velocidade de circulación
§         Ademais, rehabilitarase o firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, habilitaranse paradas de autobús, melloraranse as barreiras de contención e a sinalización
§         A Consellería e os veciños acordan que a seguinte fase de mellora desta estrada consistirá na construción dunha rotonda na Devesa, no PK 7+150, no termo municipal de Pontevedra

Pontevedra, 17 de febreiro de 2016.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou hoxe ao alcalde e a unha representación de veciños de Barro do inicio do trámite para a adquisición dos terreos necesarios para a mellora da seguridade viaria na estrada Pontevedra- Baión (PO-531), na zona de acceso ao Polígono de Sequeiros. Así o trasladou a representante do Goberno galego na xuntanza que esta tarde mantivo nas instalacións da Xunta en Pontevedra co rexedor, Xosé Manuel Fernández, e membros da Plataforma de Veciños desta estrada, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e polo delegado territorial da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís.

Na xuntanza, a  conselleira deu conta da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia do inicio do prazo de información pública do proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-531, ao seu paso polo Concello de Barro.  Segundo avanzou a conselleira, estas obras suporán un investimento de máis de 500.000 euros e a Axencia Galega de Infraestruturas traballa coa previsión de iniciar o proceso de contratación dos traballos no mes de abril.

Concretamente, trátase dunha actuación no acceso do polígono de Sequeiros, no punto quilométrico 8+250 desta estrada , onde se construirá unha rotonda, co obxectivo de reducir de xeito significativo a velocidade de circulación dos vehículos e evitar os numerosos cruzamentos que se producen desde o carril central actual.

Nesta zona, o exceso de velocidade dos condutores  é unha das causas principais da accidentalidade,  segundo datos da Garda Civil de Tráfico, polo que a execución da glorieta eliminará un punto negro da estrada PO-531 ao seu paso polo Concello de Barro.

Ademais, rehabilitarase o firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, habilitaranse paradas de autobús, melloraranse as barreiras de contención e a sinalización.

Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da seguridade viaria na PO-531 que se seguirá executando de forma progresiva e conforme as prioridades que trasladen os veciños e o Concello.

Así na xuntanza de hoxe, a Consellería de Infraestruturas e os veciños acordaron que a seguinte fase de mellora desta estrada consistirá na construción dunha rotonda na Devesa, no PK 7+150, no termo municipal de Pontevedra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario