A data foi fixada polos tres voceiros provinciais nunha xunta celebrada onte
· O pleno foi solicitado por José
Manuel Estévez en representación de todas as plataformas de afectados da
provincia
· Estará centrado exclusivamente en
puntos relacionados coa situación actual dos preferentistas
O venres 19 de xullo terá lugar o pleno extraordinario da Deputación
Provincial solicitado polas plataformas de afectados por preferentes e
subordinadas. Así o acordou a xunta de voceiros reunida esta mañá no Pazo
Provincial e na que participan César Mosquera polo BNG, Santor Héctor, polo
PSdeG-PSOE, e José Manuel Figueroa, polo PP.
O pleno, solicitado por José Manuel Estévez como coordinador da Plataforma
de Afectados Vigo-Val Miñor e en representación de todas as da provincia a á
petición do cal se sumaron posteriormente PSdeG e BNG, centrarase exclusivamente
en temas relacionados coa situación actual dos afectados, analizando asuntos
como o apoio e asesoramento legal aos afectados, a continuidade da arbitraxe e
as demandas de solucións para que as persoas que aínda non foron chamadas para
a arbitraxe poidan recuperar os seus aforros.
Nesta liña, cómpre ter en conta que a Deputación de Pontevedra, en
colaboración coa Unión de consumidores de Galicia, abriu xa o 18 de xuño 9
oficinas de asesoramento legal noutros tantos concellos da provincia co obxectivo,
precisamente, de facilitar ese asesoramento legal que reclaman os afectados,
tanto en relación á quita, ao troco e á liquidez; como en relación ás
posibilidades de iniciar un proceso xudicial, o acceso á xustiza gratuíta e
calquera outra dúbida que se lle poida presentar.
Na actualidade son máis de 40.000 as solicitudes de arbitraxe aceptadas por
Nova Galicia Banco, o que suporá a devolución de preto de 500 millóns de euros
atrapados nestes produtos.
Dar apoio e tratar de buscar unha solución para os afectados que non están
nestes momentos incluídos na vía da arbitraxe é unha das liñas nas que traballa
a Deputación e pola que puxo en marcha as anteditas oficinas de asistencia
legal que, dada a gran demanda de atención recibida, duplicou o número de asesores
e ampliou o horario das oficinas de Pontevedra e Vigo ás tardes.
De feito, de existir demanda, a oficina de Pontevedra abrirá tamén este
xoves, malia ser festividade local. O obxectivo é que ninguén que precise e
demande orientación se quede sen ela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario