Participarán 22 agrupacións de Galicia, Portugal e Cataluña
· É a primeira vez que a fase final se
disputa na provincia de Pontevedra
Máis de mil gaiteiros e percusionistas pertencentes a 22 agrupacións
musicais participarán este sábado na fase final da XXIII Liga Galega de Bandas
de Gaitas, nun acto que encherán de cor e música a Avenida Montero Ríos, da
cidade de Pontevedra.
Así o anunciaron esta mañá a deputada provincial Ana Isabel Vázquez e o
presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas, Hipólito Cabezas, nunha
rolda de prensa na que incidiron en que se trata dun evento que contribúe a
“poñer en valor o noso folclore, a nosa cultura e a nosa música”.
O encontro dará comezo ás 17,00 horas, coa actuación das bandas que
compiten no 4º grado, e irá cobrando maior espectacularidade ao longo da tarde,
a medida que lle vaia sendo a quenda de participación das agrupacións cunha
maior traxectoria e, en consecuencia, maior calidade tanto musical como de
interpretación e estética, culminando, segundo destacou Hipólito Cabezas, coa
actuación das que compiten no 1º grado e que ofrecerán “un espectáculo musical
e visual espléndido”.
Ana Isabel Vázquez referiuse ao compromiso da Deputación Provincial con
este evento, que por primeira vez se celebra na provincia de Pontevedra dado
que nas 23 edicións anteriores esta provincia ten acollido fases iniciais pero
nunca a final da liga.
Vázquez Reboredo subliñou que esta é unha “cita que vai congregar diante da
Deputación a miles de gaiteiros e gaiteiras” nun encontro que se presenta como
“unha forma de chamar a atención sobre o noso folclore, sobre os nosos
instrumentos e sobre a nosa música”.
Nesta liña, Hipólito Cabezas fixo fincapé en que se trata “do evento ao
redor da gaita máis importante que se fai en Galicia, pola cantidade de xente e
participantes que move” e que proceden tanto da Galicia interior como exterior,
con participantes nesta fase final de agrupacións das catro provincias, así
como de Portugal e Cataluña.
Para dar cabida ao numeroso público que se agarda que asista a este
espectáculo, está prevista a instalación de bancadas con capacidade para 1.400
persoas, así como a emisión en directo do encontro a través dunha pantalla LED
xigante, para que todos os interesados o poidan seguir.
Cinco apartados
As bandas farán a súa actuación ao
aire libre, desfilando e formando círculos, ao tempo que interpretan as pezas
que seleccionasen para esta ocasión.
Os xuíces, un total de dez, terán que puntuar a cada banda en función de 5
apartados: Gaita, Percusión, Estética, Afinación e Conxunto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario