A DEPUTACIÓN E TURISMO DE GALICIA COLABORAN PARA A MELLORA DA ACCESIBILIDADE E DA SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 18 de julio de 2013

A DEPUTACIÓN E TURISMO DE GALICIA COLABORAN PARA A MELLORA DA ACCESIBILIDADE E DA SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS DA PROVINCIA


Rafael Louzán e Nava Castro asinaron dous convenios de colaboración que suporán un investimento de 400.000 euros

·       Louzán incidiu en que contando con 4 pousadas, máis de 50 quilómetros de rutas de sendeirismo e 2 castros totalmente accesibles, é preciso que os espazos públicos da comarca tamén o sexan
·       Realizáranse obras de eliminación de barreiras e de adaptación de espazos para persoas con mobilidade reducida en todos os concellos do Salnés
·       Deputación e Turismo de Galicia traballan nun proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués
A Deputación Provincial de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia investirán máis de 400.000 euros nas obras de mellora da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos da provincia, segundo se establece nos dous convenios de colaboración asinados esta mañá polo presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán e a responsable de Turismo da Xunta, Nava Catsro.
A Axencia de Turismo de Galicia destinará 100.000 euros para a mellora da sinalización dos recursos turísticos da provincia, co obxectivo, segundo subliñou Nava Castro, de contribuír á difusión, promoción e posta en valor destes recursos.
Louzán anunciou que se vai “poñer en marcha concurso público” para a contratación dos traballos de sinalización, de forma que os visitantes que se acheguen a Pontevedra poidan ter perfectamente localizables os elementos máis destacados do noso patrimonio natural, arquitectónico, arqueolóxico e cultural.
Comarca plenamente accesible
En canto ás obras de accesibilidade, tanto Nava Castro como Rafael Louzán incidiron na necesidade de universalizar o turismo e facilitar que as persoas con diversidade funcional teñan acceso aos recursos turísticos en igualdade de condicións.
Neste sentido, Rafael Louzán subliñou que o acordo coa Axencia de Turismo de Galicia, que conta cun orzamento de 300.000 euros, é unha “aposta pola accesibilidade universal, en liña co proxecto Pousadas e que afectará nesta primeira fase a toda a comarca do Salnés”.
O motivo de centrar estes traballos na comarca do Salnés é a posta en marcha das 4 pousadas que se ubicarán noutros tantos concellos da zona e que, tal e como salientou o presidente da Deputación, “tendo 4 espazos, 50 quilómetros de rutas de sendeirismo e máis dous castros totalmente accesibles, non parecía moi lóxico que no contorno os espazos públicos non fosen tamén accesibles”.
O proxecto inclúe obras de mellora da accesibilidade nos concellos de O Grove, Meis, Meaño, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Ribadumia e Sanxenxo.
Entre as actuacións que se realizarán figura a eliminación de barreiras e adaptación do itinerario da oficina de turismo, a lonxa e o Museo da Salazón no  Grove; da senda do Umia (Ribadumia), da senda ao Concello e ao Auditorio, en Meis; o contorno das capelas de San Bieito e As Angustias, do Pazo de Lis, do parque Barreiro e da praza do Concello, en Meaño, así como a mellora de accesos e contorno de espazos públicos e praias en Vilagarcía, A Illa de Arousa e Sanxenxo.
Proxecto de mellora das rutas xacobeas
Por outra banda, o presidente da Deputación aproveitou para anunciar o traballo que está realizando a Administración Provincial e a Axencia de Turismo de Galicia para a posta en marcha dun proxecto de revalorización das rutas xacobeas, catro das cales (a vía da prata, o camiño portugués, a ruta marítima e a da costa) pasan pola provincia.
Rafael Louzán incidiu en que se trata dun dos principais atractivos turísticos de Galicia e o que serve de primeiro contacto con esta terra para milleiros e milleiros de persoas, ás que é preciso ofrecerlle un contorno o máis atractivo para que volvan.
Nesta liña, fixo un chamamento á implicación dos concellos, incidindo en “o camiño de Santiago é un camiño sen fronteiras” e non pode ser que o seu estado sexa totalmente dispar en función dos límites municipais.
Ante esta situación incidiu en que é preciso “a coordinación e sensibilización de todos os concellos polos que pasa para aproveitar ao máximo este recurso”. Así, indicou que ata o de agora non se lle prestou a suficiente atención a este gran valor turístico é que todas as administracións, incluíndo á propia Deputación e a Turismo da Xunta, teñen que implicarse na súa posta en valor.
Louzán anunciou que a Deputación e a Axencia de Turismo terán rematado proximamente un proxecto de sinalización e mellora do Camiño Portugués para que de aquí a 2014 esta ruta “non teña fronteiras” e estea en boas condicións.
Nava Castro subliñou que no que vai de ano máis de 13.000 persoas utilizaron o Camiño Portugués e máis de 19.720 pernoitaron nos albergues públicos dos camiños, dos cales o 60% son estranxeiros, o que dá unha mostra da capacidade de atracción desta ruta a nivel internacional.


No hay comentarios:

Publicar un comentario