243 familias pontevedresas solicitaron xa participar na
proba piloto de eficiencia enerxética que a Deputación de Pontevedra
puxo en marcha no marco do proxecto depoGAP. Esta iniciativa ten como obxectivo
sensibilizar á cidadanía do uso eficiente da enerxía nos fogares.
Consultar o consumo enerxético en tempo real
Para o
desenvolvemento desta proba é necesario instalar, en cada un dos fogares
participantes, un kit domótico que proporciona as ferramentas de control
necesarias que permiten monitorizar e optimizar os consumos nos fogares.
Trátase dun contador de enerxía, un detector de apertura e peche de portas, un
sensor de luminosidade e un medidor de consumo eléctrico.
Estes
instrumentos, que se instalan de forma gratuíta nos fogares, encárganse de
realizar as medidas de consumo enerxético nas vivendas, o que lle permite a
cada participante consultar en tempo real o consumo enerxético no seu fogar
durante un período de seis meses.
É
importante destacar que as familias que participan nesta proba reciben unha
formación previa cos conceptos e fundamentos prácticos necesarios. O obxectivo
final desta proba é que cada familia extraa conclusións sobre os seus consumos
enerxéticos, de maneira que poidan establecer medidas de aforro enerxético
aplicables nos seus fogares.
44
técnicos especializados na materia encargáronse tanto da instalación dos
equipos nos fogares participantes na proba como da formación das familias
colaboradoras.
A
posta en marcha deste proxecto, permite obter datos estatísticos sobre o gasto
enerxético que serán a base das guías
de boas prácticas que se queren elaborar para utilizar en futuras campañas de
sensibilización enerxética.
O proxecto depoGAP
Esta
iniciativa pertence ao proxecto depoGAP, promovido pola Deputación de
Pontevedra e cofinanciado nun 70% a través de fondos europeos Feder.
DepoGap pretende promover un novo modelo de xestión
dos activos públicos a través das novas tecnoloxías contando coa colaboración e
participación cidadá.
As
familias que pertenzan a un concello de menos de 50.000 habitantes e estén
interesadas en unirse ao proxecto, aínda poden inscribirse na páxina web
www.depo.es/depoGap, páxina na que ademais se informa dos requisitos necesarios
para adherirse a esta iniciativa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario