Nado en barro, residente en Pontevedra e mestre en
Marín, Adolfo Caamaño é un dos escritores galegos con máis proxección
nos últimos tempos. Hai uns días, recibiu o Pedrón de Ouro, o premio
literario máis antigo da comunidade galega e un dos mais prestixiosos.
De momento, segue a escribir, que é a súa paixón.
-Despois de variados recoñecementos, ¿como percibe vostede este galardón?
-Faime moitísima ilusión, ao fin e ao cabo, é o
premio máis antigo neste ámbito en Galicia. É algo moi prestixioso.
Trato de valoralo moitísimo, porque de entre 45 obras saíu a miña
elixida. Unha decisión que tomou un xurado de expertos, e ese xuízo,
dende logo, ilusióname.
-¿Canto hai de Barro e Pontevedra na túa obra?
-Moito, claro. Xa só a miña primeira novela Soberano,
publicada no 2004, está ambientada na Pontevedra dos 60, 70 e dos 80. A
obra coa que gañei o Manuel Murguía o ano pasado, A geisha no bosque de
bambú, ten por base dous asasinatos acontecidos en Caldas. En xeral
toda a comarca, incluíndo o Salnés, ten unha forte presenza na miña
obra.
-Sen embargo, á marxe da vivencia persoal, vostede tamén é un escritor de imaxinación.
-Sí, teño obras totalmente diferentes, no caso dunha
en concreto, sitúoa na Etiopía do colonialismo, no século XIX. Teño
outra ambientando en Ponte Sampaio e vaise ata Venezuela, así que
imaxínate. A miña próxima novela, na que me encontro actualmente
traballando, estará ambientada na Primeira Guerra Mundial.
-¿Cree máis na inspiración repentina ou no traballo diario?
-Hai un pouco das dúas cousas. Todo o tempo que teño
libre dedícollo á literatura agás cando vou de vacacións. Realmente é
que o da inspiración... É como sempre se di, «que te pille currando». No
meu caso, levántome as cinco da mañá para darlle un repaso ao feito no
día anterior e as tardes para escribir. Nunca sabes moi ben como vai
saír a obra. Hai algunhas que tardei moito e outras uns poucos meses.
-¿Como lle inflúe o mestre ao escritor que vostede é?
-Despois de vinte anos dando clase no colexio San
Narciso de Marín, un só pode estar agradecido aos seus compañeiros pola
axuda prestada. O colexio é un sitio no que sempre se aprende, no que
sempre atopei un oco no que sentirme apoiado.
-Coma mestre, ¿custa moito ensinar literatura ás novas xeracións?
-O mestre debe afrontar unha competencia moi forte
contra videoxogos, televisión... É unha pena que a literatura estea
diluída nas asignaturas de lingua galega e española. Oxalá tiveramos,
como noutros países, unha dedicada única e exclusivamente á literatura.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/marin/2016/01/19/span-langgl-tempo-libre-dedicollo-a-literaturaspan/0003_201601P19C11994.htm
No hay comentarios:
Publicar un comentario