O percorrido
do servizo de transporte urbano desde o hospital ata a praza de Galicia, que se presta a través das concesións
xestionadas pola Xunta, realizarase pola avenida de Lugo
― A Xunta inicia este mes os
traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos á dársena de
mantemento e servizos do novo hospital
― Esta actuación obrigará a
restrinxir o tráfico a un só carril de circulación na avenida Montecelo en
dirección cara ao actual complexo
― Técnicos da Xunta, do Concello e do
hospital coordinaron as medidas para priorizar o acceso de ambulancias e
vehículos de servizos, e para manter as liñas de autobuses
― No tramo afectado da avenida de
Montecelo, no que se manterá un único sentido de circulación desde o Príncipe
Felipe cara á estrada de Ourense, ata o Hospital actual, habilitarase un carril
para o tráfico de vehículos e a beirarrúa para os peóns
― A Xunta segue traballando na
execución do Hospital Público de Montecelo que nesta 1ª fase supón un
investimento de máis de 130 M€
A partir de hoxe xoves 23, actívanse os cambios provisionais no tráfico na avenida de Montecelo, en Pontevedra, para seguir avanzando nas obras de execución do novo Hospital Público Montecelo.
A Xunta comezará este mes os traballos de urbanización e acondicionamento dos accesos á dársena de mantemento e servizos do novo hospital. Este acceso realizarase mediante unha vía situada a unha cota máis baixa respecto á avenida de Montecelo, que se verá afectada pola execución dun muro de sostemento.
A intervención obrigará a restrinxir o tráfico a un só carril de circulación na avenida Montecelo desde a rotonda do Príncipe Felipe cara ao actual hospital, e afectará a todo o tramo ata o encontro coa baixada de vehículos que dan acceso á entrada do actual complexo.
Dada a incidencia que terán os traballos na mobilidade circulatoria da zona, representantes e técnicos da Xunta, do Concello e do hospital mantiveron varias reunións para coordinar e reducir ao máximo as afeccións das obras.
As medidas no tráfico incidirán de modo especial nos accesos ao hospital actual, dando prioridade e favorecendo o acceso de ambulancias e vehículos de servizos, así como o mantemento das liñas de autobuses.
Deste xeito, a liña circular de transporte urbano: praza Galicia-Montecelo-Monteporreiro, que se presta a través das concesións de transporte público xestionadas pola Xunta, modificará o seu percorrido desde o Hospital Montecelo ata a praza de Galicia, que se realizará pola avenida de Lugo.
Mentres se avanza nesta fase das obras do novo Hospital Público Montecelo este cambio, que foi abordado e consensuado co Concello de Pontevedra, afectará a 3 paradas desta liña, que son as de CEE Pontevedra, Moldes e San Amaro.
A circulación do tráfico
No tramo afectado da avenida de Montecelo no que se manterá un único sentido de circulación desde o Príncipe Felipe cara á estrada de Ourense ata o hospital actual, habilitarase un carril de 3,10 metros para o tráfico de vehículos e a beirarrúa existente, duns dous metros, reservarase para os peóns.
A nova sinalización na zona comezará a aplicarse a partir de maña, día 23 de febreiro, e está previsto que se manteña durante os próximos seis meses. Durante ese período tamén quedará anulado o estacionamento de vehículos no tramo afectado.
Plano coa
configuración do tráfico prevista:
Hospital Público Gran Montecelo
O Goberno galego continúa progresando nas obras do Hospital Público Gran Montecelo, cuxa primeira fase conta cunha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.
As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.
As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.
No hay comentarios:
Publicar un comentario