A XUNTA ALÍASE CO TECIDO EMPRESARIAL E INSTITUCIONAL DA ÁREA DE PONTEVEDRA para IMPULSAR A FP - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 16 de febrero de 2023

A XUNTA ALÍASE CO TECIDO EMPRESARIAL E INSTITUCIONAL DA ÁREA DE PONTEVEDRA para IMPULSAR A FP

 


O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, inaugura o primeiro dos encontros territoriais do Plan Conecta FP


     Medio cento de persoas entre representantes de empresas, dos centros de FP e da administración local afondan nos retos de futuro destas ensinanzas que actualmente cursan preto de 3.700 alumnos na comarca en 89 programas

     Román Rodríguez reivindica a necesidade de establecer sinerxías entre o sistema educativo e o sector socioeconómico para  deseñar unha formación especializada capaz de “xerar valor engadido para o conxunto do territorio”

     A matrícula nestas ensinanzas aumentou un 33% nos últimos dez anos en Pontevedra, cun 1.100% de incremento no caso da FP Dual

     A análise das diferentes comarcas galegas e dos sectores produtivos estratéxicos é un dos pasos para crear 9.500 novas prazas de FP cun investimento de 30,7M€

A Xunta de Galicia traballa de xeito coordinado co sector empresarial da área de Pontevedra e coas distintas organizacións e institucións para o impulso das ensinanzas de Formación Profesional a través do Plan Conecta FP da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O conselleiro  de Educación, Román Rodríguez, presidiu esta mañá na cidade do Lérez o primeiro encontro territorial enmarcado no devandito plan, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López. Este foro de debate, con mesas de análise e espazo networking, contribuirá a enriquecer as accións específicas a desenvolver co obxectivo de acadar 9.500 prazas novas en Galicia en dous anos así como incrementar o número de empresas colaboradoras participantes.

A este reto responde o encontro de hoxe, que conta coa participación de medio cento de persoas entre representantes de empresas punteiras da zona (como Froiz, Carpintería Ceyeda, Starnaliza Servicios, Celta Motor, Grupo Xenia, Informática Landín ou o grupo Louzao), dos centros integrados de FP A Xunqueira e Carlos Oroza, ademais da asistencia de técnicos de administración local dunha vintena de concellos da zona.  

Fortaleza da FP en Pontevedra

O titular de Educación sinalou que a “fortaleza” das ensinanzas de FP na área de Pontevedra, con preto de 3.700 alumnos matriculados en 89 programas formativos, “é un bo punto de partida para seguir traballando neste reto de futuro que beneficia directamente ao noso sistema educativo e a noso sistema socioeconómico”. De feito, a matrícula nestas ensinanzas aumentou nun 33% nos últimos dez anos en Pontevedra, cifra que acada o 1.100% de incremento no caso da FP Dual, con 101 alumnos matriculados.

Segundo explicou o conselleiro, “analizar as necesidades dos principais sectores e as especificidades das distintas zonas da nosa comunidade é o primeiro paso para deseñar unha oferta de FP á medida das demandas socio produtivas”. De aí que encontros coma este “sexan imprescindibles” para establecer sinerxías e “multiplicar os efectos beneficiosos” a través dunha formación especializada, adaptada ás novas necesidades e que xerará “un importante valor engadido que repercutirá no conxunto do territorio”, concluíu.

Plans á medida dos sectores produtivos

O de hoxe en Pontevedra é o primeiro dos 14 encontros territoriais ao que se suman outros cinco sectoriais que a Xunta está a organizar dentro do Plan Conecta FP, dotado con 30,7M€ . De cada unha destas reunións xurdirán outros tantos grupos de traballo que identificarán as necesidades actuais e futuras das empresas, analizarán as posibles transformacións produtivas e a súa implicación nos novos perfís profesionais relacionados con empregos futuros. Froito deste traballo, elaboraranse plans de acción de formación especializada para cada ámbito profesional que conformarán o Plan Conecta FP Galicia, co que se establecerán ofertas á medida do tecido produtivo galego e dos distintos territorios.

O obxectivo final é xerar unha planificación formativa que dea resposta á rápida evolución de cada sector produtivo, ao ofrecerlle ás empresas profesionais máis e mellor cualificados para facer a economía galega máis competitiva. Isto redundará, ademais, nunha maior empregabilidade da poboación nova e, no caso da avaliación e acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral, mellores condicións para o acceso ao mercado de traballo destas persoas.

En total prevese que participen neste plan máis de 10.000 empresas, entre as que se atopan as colaboradoras na formación do alumnado de FP, así como compañías referentes dos sectores significativos. Serán convidadas aos encontros máis de 400 asociacións, clústeres ou entidades vinculadas co sector produtivo, a totalidade das administracións implicadas (consellerías, axencias, fundacións, administracións locais...) e participarán máis de 300 centros educativos que imparten ensinanzas de FP.

No hay comentarios:

Publicar un comentario