Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

domingo, 12 de febrero de 2017

ETHEL VÁZQUEZ AVANZA QUE ESTA SERÁ A LEXISLATURA DA MODERNIZACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO, PRIORIZANDO O RURAL E CON SERVIZOS Á DEMANDA PARA LEVAR O AUTOBÚS “ONDE SEXA PRECISO CANDO SEXA PRECISO”



A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou hoxe no Parlamento de Galicia o marcado carácter social das liñas de acción do seu departamento para os vindeiros catro anos



A conselleira sinala que en agosto de 2017 comezará a implantarse o novo mapa de servizos de transporte público, con  criterios de calidade e eficiencia e de forma coordinada cos Plans de Transporte Metropolitano
Reitera que o Goberno galego licitará este ano as obras das estacións intermodais para favorecer un intercambio áxil e seguro entre os distintos medios de transporte
Destaca a creación dun Observatorio da Vivenda para facilitar o acceso á información sobre o sector e oriente as actuacións no ámbito público e privado
Anuncia a posta en marcha do programa ReHaluga, para conceder axudas á rehabilitación aos inmobles que se incorporen ao Programa de Vivendas Baleiras e o Programa Rexurbe para impulsar a recuperación de vivendas en barrios históricos
Destaca o impulso á primeira Lei de Cascos Históricos de Galicia, que establecerá os mecanismos para favorecer a recuperación dos núcleos antigos das vilas e cidades de forma compatible cos seus valores culturais
Manifesta que na liña de promover a mobilidade sostible, o Goberno galego proseguirá co desenvolvemento do Plan de Sendas de Galicia, que contará este ano cun investimento de máis de 10,5 millóns de euros
Subliña a preocupación do Goberno galego pola seguridade viaria, que se materializa en actuacións como o Plan de Reforzos de Firme, cunha partida de 15,5 millóns no 2017 para seguir coa mellora noutros preto de 700 km de estradas
Avanza o pulo a novos eixos de comunicación co inicio mañá do proceso de información pública do proxecto de conexión da Vía Ártabra coa AP-9, libre de peaxes
Indica que nos vindeiros días se licitará a redacción do proxecto para o desdobramento do primeiro treito da Vía de Altas Prestacións entre Lugo e Sarria (Pobra de San Xiao-Sarria-Centro)
Remarca a creación dun Observatorio do Solo empresarial para avaliar a demanda e adaptar a planificación de actuacións públicas ás necesidades dos distintos sectores

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que a folla de ruta do seu departamento para esta lexislatura terá un acento máis social ca nunca, potenciando o rural e levarase a cabo a ordenación do transporte público da Comunidade, coa incorporación de servizos á demanda que primen a cobertura no rural e permitan levar o autobús, microbús ou o taxi alí onde e cando sexa preciso.
A responsable de Infraestruturas do Goberno galego insistiu en que a Xunta destinará un total de 2,5 millóns de euros á reformulación do mapa de servizos e xa se comezaron a desenvolver os traballos correspondentes á primeira fase, destinados á planificación en seis ámbitos territoriais. Avanzou que en agosto de 2017 comezará a implantarse o novo mapa de servizos de transporte público, con  criterios de calidade e eficiencia e de forma coordinada cos Plans de Transporte Metropolitano.

Nunha segunda fase, con horizonte temporal de finais de 2019, concretarase e aprobarase o Plan de Transporte Público de Galicia e completarase o novo mapa de transporte para dar resposta ás necesidades actuais e potenciais dos galegos, cos novos servizos plenamente operativos e as novas tecnoloxías totalmente implantadas.

O Goberno galego, paralelamente, segue apostando polo Plan de Transporte Metropolitano, un plan social actualmente en funcionamento en 5 áreas e 65 concellos que aglutinan a máis da metade da poboación de Galicia. Esta iniciativa, que o ano pasado permitiu a bonificación de 14 millóns de billetes na comunidade, supón aforros medios de 600 euros ao ano, que incluso poden chegar aos 1.000 en caso de que tamén empreguen o bus urbano.

A responsable de Infraestruturas tamén salientou outra medida activada o verán pasado polo Goberno galego, a tarxeta Xente Nova, que a día de hoxe xa lle permite a 33.000 menores de 19 anos ter transporte metropolitano interurbano gratis.

No eido do transporte público por estrada, a Consellería está a avanzar no Plan de accesibilidade de autobuses ao centro da cidade da Coruña, que estará implantado esta primavera, mellorando a mobilidade dos veciños coa optimización dos percorridos e paradas.

Intermodais
Vázquez manifestou que para garantir un transporte público de calidade é a conexión sinxela entre os diferentes modos é necesaria a execución das estacións intermodais nas distintas cidades galegas. Así, lembrou que a Xunta traballa coa previsión de licitar este ano as obras das terminais de autobuses co obxectivo de empezar as obras o antes posible.

O Executivo autonómico considera a intermodalidade como o transporte do futuro e a súa chegada deberá estar coordinada co tren de alta velocidade a Galicia desde Madrid. Neste sentido, cómpre recordar que o ministro de Fomento comprometeuse de novo o pasado martes co presidente da Xunta a traballar na finalización do AVE á Meseta coa maior celeridade posible, fixando o terceiro trimestre de 2019 como data de chegada.

Nesta xuntanza entre as Administracións central e autonómica tamén quedaron renovados os compromisos coa mellora ferroviaria de Lugo e coa execución das variantes de Ourense e Cerdedo.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez dispón este 2017 dun orzamento de 390 millóns de euros, o que supón un incremento dun 5% con respecto ao pasado exercicio. Estas cifras, segundo explicou a conselleira, responden á responsabilidade de traballar para as persoas.

Pulo á rehabilitación
Segundo afirmou Vázquez Mourelle, unha liña fundamental no eido da vivenda será a rehabilitación, que ten unha repercusión directa na mellora das condicións de vida dos habitantes das áreas e barrios, que á súa vez, recuperan o patrimonio construído. Nese sentido, salientou que o obxectivo da Xunta é continuar fomentando a rehabilitación de vivenda a través das axudas xa existentes, pero tamén coa creación doutras novas ou con actuacións directas de rehabilitación en vivendas propiedade do Goberno galego.

A Consellería de Infraestruturas está a activar novas liñas de traballo como as axudas para a mellora da eficiencia enerxética e, neste sentido, xa se publicou a convocatoria para que os concellos poidan realizar actuacións en vivendas da súa propiedade, axudas que contan cun importe de medio millón de euros. Proximamente impulsaranse obras de mellora da eficiencia enerxética en inmobles de promoción pública propiedade da Xunta, ás que se destinarán 3,3 millóns de euros.

O Goberno galego tamén porá en marcha un Fondo de Cooperación, dotado con 10 millóns destinados á concesión de préstamos a interese cero aos concellos de menos de 50.000 habitantes para que estes poidan recuperar edificacións dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.

Destacou a creación dun Observatorio da Vivenda para facilitar o acceso á información sobre o sector e oriente as actuacións no ámbito público e privado. Así mesmo, anunciou a posta en marcha do programa ReHaluga, para conceder axudas á rehabilitación aos inmobles que se incorporen ao Programa de Vivendas Baleiras e o Programa Rexurbe para impulsar a recuperación de vivendas en barrios históricos.

Por outra banda, incidiu en que se levará a cabo o impulso á primeira Lei de Cascos Históricos de Galicia, que establecerá os mecanismos para favorecer a recuperación dos núcleos antigos das vilas e cidades de forma compatible cos seus valores culturais

No que se refire ao solo residencial, hai que destacar o Parque Ofimático da Coruña ou San Paio de Navia, para o que neste mes de febreiro se comezará o proceso de sinatura de escrituras de compravenda e pago do solo ofrecido polos seus propietarios nesta oferta pública. Esta adquisición de terreos completarase en 2017, unha vez incrementada a dotación destinada a esta oferta pública en 2 millóns máis. Isto significa que a adquisición de terreos de mutuo acordo en San Paio de Navia rematarase con arredor de 57.000 metros cadrados adquiridos e un investimento de 10 millóns.

Plan de Sendas
Na liña de promover a mobilidade sostible, o Goberno galego proseguirá co desenvolvemento do Plan de Sendas de Galicia, que contará este ano cun investimento de máis de 10,5 millóns de euros, que permitirán dar un importante pulo á execución das obras planificadas.
A primeira fase comprende a construción de 55 sendas en sete comarcas galegas: Vigo, O Salnés, Santiago, A Coruña, Bergantiños, Ferrol e Terra Cha. Nestes momentos iniciouse a tramitación para a execución de obras en 39 quilómetros de sendas e están licitados ou en obras 23 quilómetros, por un importe de 9,2 millóns.

A Consellería de Infraestruturas xa está traballando na segunda fase do plan, que suma 40 novos itinerarios, 45 quilómetros, nas comarcas de Lugo, Ourense, O Morrazo e Pontevedra. Este ano estarán en redacción todos os proxectos construtivos correspondentes a esta segunda fase do Plan de Sendas.

Outra das liñas prioritarias da Axencia Galega de Infraestruturas é a de dotar aos cidadáns de vías máis cómodas e seguras, para o que a Xunta puxo en marcha o Plan de Reforzos de Firme, que disporá dunha partida de 15,5 millóns no 2017 para seguir coa mellora noutros preto de 700 km de vías autonómicas.

A vindeira semana comezaranse a licitar os primeiros proxectos do Plan, tres melloras, dúas delas en estradas da provincia da Coruña e unha na provincia de Pontevedra, por importe de 2,3 millóns. A conselleira precisou que despois de ter cumprido, na pasada lexislatura, o obxectivo de que o 80% da poboación galega estea a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade, toca continuar desenvolvendo novos eixes que completen o mapa de comunicacións e melloren a estrutura territorial doutras comarcas galegas.

A autovía do Morrazo continúa a ser un destes eixos que a Xunta está a impulsar cun investimento global de 55 millóns, sendo a infraestrutura que conta con maior dotación orzamentaria en 2017, con 22 millóns. Esta infraestrutura, esencial para o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade dos veciños desta comarca, terá este ano en plena execución a totalidade das obras.

Na área da Coruña estase a potenciar a continuación da Vía Ártabra e a súa conexión coa AP-9. Vázquez adiantou que mañá iniciarase a información pública do proxecto construtivo no seu treito entre a N-VI e a AP-9, contemplado como unha vía sen peaxe.

Ethel Vázquez concretou que nas vindeiras semanas tamén se licitará o contrato para a redacción do proxecto construtivo que dará continuidade á autovía da Costa da Morte, comezando por unha primeira fase, entre Baio e a AC-432, en dirección a Camariñas.

Na provincia de Lugo, o Executivo autonómico está a avanzar na conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria e nos vindeiros días se licitará o contrato para a redacción do proxecto construtivo da primeira fase, entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria centro.

Integración paisaxística dos Camiños de Santiago
Así mesmo, o Executivo autonómico, coa vista posta na celebración do Ano Xacobeo, no ano 2021, realizará unha mellora da integración paisaxística dos Camiños de Santiago á súa entrada na cidade de Compostela mediante o investimento de 4,2 millóns de euros.

Este ano e en consonancia co Concello de Santiago, procederase á redacción dos proxectos, o que permitirá acondicionar, antes do Ano Xubilar, certos puntos estratéxicos das entradas en Compostela dos Camiños Francés, Inglés e Portugués.


A titular de Vivenda explicou que se as vías de comunicación representan un elemento esencial para a competitividade, a posta á disposición de solo empresarial en condicións vantaxosas supón maior dinamismo económico e creación de novos postos de traballo. Para elo, preveuse a creación dun Observatorio do Solo empresarial para avaliar a demanda e adaptar a planificación de actuacións públicas ás necesidades dos distintos sectores.

Cómpre lembrar que grazas ás bonificacións de ata o 50 % no prezo do solo, activadas pola Xunta, lévanse adxudicado case 730.000 metros, o que supera en preto dun 20% o vendido conxuntamente nos anos 2007 e 2008, previos á crise. Vázquez Mourelle indicou que se continuará con estes incentivos, polo que xa están activadas de novo as bonificacións de entre o 30 e o 50% nos parques da Xunta: ofertando 1,8 millóns de metros cadrados de solo en réxime de compravenda a partir de 12,5 euros/m²; ou en dereito de superficie desde 0,38 €/m²/ano.

O Goberno galego continuará co desenvolvemento da gran plataforma loxística do sur de Galicia, da PLISAN, comezado polo remate das obras dos sistemas xerais, neste primeiro semestre do ano. Deste xeito, o solo estará a disposición das empresas, con prezos moi competitivos: 50 euros por metro cadrado para a venda dos primeiros 100.000 metros cadrados.

Na provincia da Coruña, este ano iniciarase a primeira fase do parque empresarial de Morás, en Arteixo, desenvolvendo 1,1 millóns de metros cadrados de superficie, dos que 600.000 serán de parcelas. A Xunta destina a esta actuación preto de 18 millóns e que prevé a realización de todas as conexións externas do parque, incluíndo o viario de acceso desde a A-6 e a subestación eléctrica.  


No hay comentarios:

Publicar un comentario