Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

jueves, 25 de mayo de 2017

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SORTEA AS PRAZAS PARA O PROGRAMA “DEPO AVENTURA” A LANZADA


“Depo Aventura” A Lanzada oferta 2.200 prazas, 300 delas gratuítas, cun 7% máis de orzamento e, como novidade, actividades de inmersión lingüística en inglés

Esta mañá tivo lugar o sorteo das prazas para o programa “Depo Aventura” A Lanzada que se desenvolverá entre xuño e setembro nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten na Praia da Lanzada (O Grove). A gran novidade da edición deste ano, amais das 300 prazas gratuítas que se puxeron a disposición de menores en situación ou risco de exclusión social xa o ano pasado, é que moitas das actividades dos campamentos realizaranse integramente en inglés, impulsando a inmersión lingüística das nenas e nenos nesta lingua estranxeira.

Unha vez realizado o sorteo das prazas adxudicadas, os resultados disporanse na páxina web www.depo.es. Nun prazo de 24/48 horas as familias, mediante SMS ao móbil, serán informadas da quenda que lle corresponde á/s súa/s filla/s e/ou fillo/s e, neste mesmo SMS, informaráselles do número e clave correspondentes para descargar na páxina web o recibo para a realización do pagamento. 

A II edición do programa “Depo Aventura A Lanzada” oferta 2.200 prazas para nenas e nenos da provincia de Pontevedra. Delas, 300 serán gratuítas para menores en situación ou risco de exclusión social, que poderán gozar de sete días na Lanzada en réxime de pensión completa e cunha ampla programación de actividades para o tempo libre. Neste eido, Carmela Silva adiantou que “amais de actividades lúdicas, culturais, artísticas, medioambientais, deportivas e formativas, este ano imos impulsar, por primeira vez, que unha parte importante das mesmas teña lugar en inglés”. Por este motivo, este ano a Deputación de Pontevedra destina a “Depo Aventura A Lanzada” 160.000 €, un 7% máis que o ano anterior.

“DepoAventura A Lanzada” desenvolverase entre o 25 de xuño e o 9 de setembro en 11 quendas de 7 días de duración cada unha (do 25 de xuño ao 1 de xullo, do 2 ao 8 de xullo, do 9 ao 15 de xullo, do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, do 30 de xullo ao 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, do 27 de agosto ao 2 de setembro, do 3 ao 9 de setembro).



No hay comentarios:

Publicar un comentario