A conselleira de Infraestruturas e Vivenda confirmou hoxe no Parlamento de Galicia que os vindeiros días se someterá a información pública os proxectos que conforman a primeira fase do novo mapa de transporte público
- Sinala que esta reordenación centra os seus esforzos na revitalización do rural e para iso introducirase o transporte á demanda, para levar o autobús ou o taxi ao lugar en que se precise e no momento en que se precise
- Lembra que o Consello da Xunta tamén aprobou hoxe a integración dos servizos do transporte escolar e o de uso xeral coa fin de aproveitar sinerxías e mellorar a mobilidade dos galegos, especialmente no rural
- Pon como exemplo que as novas conexións que se poñan en marcha entre Lugo e A Terra Chá a partir do mes de agosto permitirán multiplicar case por catro a poboación actualmente cuberta polas liñas existentes
- Subliña que este proceso baséase nunha folla de ruta planificada e participativa, xa que se celebraron reunións con concellos, asociacións de transporte, ANPAS ou a Fegamp e enquisáronse a municipios e usuarios
- Ao culminar a 1ª fase, en agosto, continuarase ata 2019 cos traballos da 2ª, implantando o Plan de Transporte Público e completando a reorganización e modernización do mapa co sistema baixo a demanda e novas tecnoloxías
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a primeira fase do Plan de transporte de público de Galicia garantirá os servizos e iniciará a modernización do sector para responder ás necesidades do medio rural. Ademais, confirmou que a Xunta someterá a vindeira semana a información pública os novos anteproxectos de explotación de transporte na comunidade coa fin de iniciar a prestación dos primeiros servizos en agosto.
Vázquez Mourelle explicou que logo da publicación da información pública, haberá un prazo para a presentación de alegacións e para que as empresas manifesten o seu interese de concorrer ao proceso de licitación das distintas liñas de transporte. A partir de aquí, nos próximos meses avanzarase na aprobación dos proxectos e na adxudicación dos contratos.
A titular de Infraestruturas indicou que este proceso non só garante o servizo de transporte aos usuarios senón que nos ofrece unha oportunidade para amplialo e melloralo, para que sexa máis eficiente e responda mellor ás necesidades de mobilidade dos galegos, fundamentalmente no rural. Por exemplo, estímase que as novas conexións que se poñan en marcha entre Lugo e A Terra Chá a partir do mes de agosto permitirán multiplicar case por catro a poboación actualmente cuberta polas liñas existentes.
O Executivo autonómico está a traballar na reordenación do transporte de Galicia a través dunha folla de ruta clara e planificada que garantirá a prestación do servizo público en todo momento e permitirá acometer unha modernización do sistema para adecualo ás verdadeiras necesidades dos cidadáns, pensando especialmente nos veciños do rural.
Transporte a demanda
A conselleira explicou que esta reordenación é un proxecto que centra os seus esforzos na potenciación e revitalización do rural da comunidade. Así, o Executivo autonómico está a traballar para reordenar e modernizar o mapa de liñas de autobús e adaptar os servizos ás verdadeiras necesidades dos galegos, incrementando a calidade e ofrecendo a máxima cobertura territorial á dispersión xeográfica do noso rural.
Para lograr que o transporte chegue a todos os cidadáns, vivan onde vivan, a Xunta vai introducir novos sistemas como o transporte á demanda, especialmente necesario, tendo en conta o grao de dispersión poboacional e o volume de persoas maiores que viven no rural. Este funcionará mediante un sistema de reserva previa que nos permitirá levar o autobús, o microbús ou o taxi ao lugar en que se precise e no momento en que se precise.
Transporte escolar
A Xunta, para achegar aínda máis os servizos de transporte ao rural, e aproveitar sinerxías aposta pola integración do autobús escolar. A pasada semana mantívose unha reunión coas agrupacións de ANPAS e representantes docentes, na que se coincidiu en que o transporte escolar representa unha grande oportunidade para mellorar a mobilidade dos galegos, especialmente no rural.
Vázquez Mourelle destacou que o Consello da Xunta vén de aprobar esta mesma mañá a integración dos servizos do transporte escolar e o de uso xeral alí onde se vexa posible e recomendable. Precisou que se trata de poder aproveitar as prazas sobrantes do autobús escolar para que poidan ser empregadas polos veciños da zona, blindando sempre a atención ás necesidades do alumnado, en canto a horarios e paradas, e garantindo a presenza do acompañante escolar en todas as liñas.
O Goberno galego activará este proceso nos próximos meses, de forma piloto no marco da 1ª fase de reordenación do transporte público e logo avaliarase o seu funcionamento de cara á integración de todas as liñas de transporte escolar, xa na 2ª fase, fixada para 2019.
Esta medida que non só é unha cuestión de eficiencia, senón que vai máis alá porque supón tamén comodidade familiar e tamén unha oportunidade de convivencia interxeneracional, de enriquecemento mutuo.
Traballos na 1ª fase
O Goberno galego, ao longo do último ano vén traballando coa máxima intensidade na elaboración e desenvolvemento do novo mapa de transportes para que os servizos estean operativos á finalización dos contratos actuais, moitos deles, como se ten dito, en agosto.
A Xunta está destinando 2,5 millóns de euros á reformulación completa do mapa de servizos, con horizonte 2019. En 2016, licitáronse e adxudicáronse os 6 estudos para a ordenación do transporte público e desenvolveuse unha normativa completa das actuacións a levar a cabo nesta 1ª fase de implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.
Nesta primeira fase definíronse 6 zonas territoriais de Galicia sobre as que levar a cabo a planificación: provincias da Coruña e Lugo Norte; Galicia centro; Ourense Leste; Ourense Oeste; servizos de conexión interurbanos e Pontevedra; e zona Oeste da Coruña.
En canto aos traballos nas seis zonas, ao longo destes meses realizouse unha diagnose da situación actual, recompilando información sobre os servizos regulares de uso xeral e convocáronse reunións cos concellos para informalos de todo o proceso que se está realizando. Remitíuselle unha enquisa a cada concello, na que se solicitaba información referente ao nivel de satisfacción do servizo, principais demandas dos usuarios, propostas municipais ou posibles liñas de colaboración ás que estarían dispostos.
Tamén se realizaron enquisas a usuarios do servizo de transporte en cada unha destas seis zonas obxecto de estudo ao fin de coñecer a demanda e a oferta actual de servizos. A esta información engadiuse a dispoñible a través dun sistema ‘big data’ do conxunto da mobilidade na comunidade autónoma, o que permite identificar os principais eixes de demanda en cada zona do territorio, tanto a demanda actualmente atendida como a que se move en vehículo particular.
Continuidade na 2ª fase
Unha vez culminada esta fase no mes de agosto, continuarase de maneira inmediata e ata 2019, cos traballos correspondentes á segunda, que abarca a elaboración e implantación do Plan de Transporte Público de Galicia e na que se completará a reorganización e modernización do mapa co desenvolvemento dos sistemas de transporte baixo demanda e na que os novos servizos estarán operativos e as tecnoloxías implantadas.
Este novo mapa de servizos, de forma piloto nesta primeira fase e xeneralizada na segunda, determinará as rutas regulares de prestación continua; as previamente establecidas, que se prestarán nos días e horas nos que exista demanda; e os novos sistemas de reserva do servizo, para levar o transporte ao lugar que se necesite á hora en que se precise mediante unha reserva feita con anterioridade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario