Os técnicos da Estación Fitopatolóxica sinalan distintas
recomendacións segundo a situación das parcelas para evitar que as precipitacións
e o incremento das temperaturas nocturnas expandan esta enfermidade
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA),
dependente da Deputación de Pontevedra, indica que as condicións metereolóxicas
anunciadas para a vindeira semana incrementarán o risco de infeccións por
mildeu na viña e sinalan distintas
recomendacións segundo a situación das parcelas. Así, para as parcelas que
aínda están protexidas por un tratamento anterior só aconsellan vixiar o estado
das plantas despois das choivas de hoxe, e non renovalo se non se observan
novos síntomas. Para as parcelas que non están protexidas e que ademais se
atopan en localizacións abrigadas ou que son especialmente sensibles,
recomendan tratar o antes posible despois das choivas de hoxe. Neste caso,
incluso indican que ao tempo que se aplica o tratamento contra o mildeu se pode
incluír un tratamento contra o oídio. Por último para as parcelas non
protexidas pero limpas de síntomas, aconsellan renovar o tratamento antes do
período de precipitacións anunciado a partires do martes.
Os técnicos de Areeiro fan estas
recomendacións tendo en conta que xa na noite do xoves para o venres desta
semana houbo condicións para a infección secundaria por mildeu na viña, e que
as previsións anuncian un período de choivas con temperaturas nocturnas altas a
partires do vindeiro martes e que se espera que se prolonguen polo menos ata o
domingo. Desde a EFA tamén indican que estas recomendacións se basean en que as
precipitacións da fin de semana pasada non estiveron acompañadas de altas
temperaturas o que finalmente fixo que non se elevara o risco de infección
durante a semana pasada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario