AREEIRO ACONSELLA MANTER A VIXILANCIA SOBRE O MILDEU E ADVIRTE DOS PRIMEIROS SÍNTOMAS DE OÍDIO NAS VIÑAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 27 de mayo de 2017

AREEIRO ACONSELLA MANTER A VIXILANCIA SOBRE O MILDEU E ADVIRTE DOS PRIMEIROS SÍNTOMAS DE OÍDIO NAS VIÑAS



Os técnicos subliñan que é “imprescindible” supervisar os buxos para detectar as primeiras eirugas de Cydalima e poder tratar tan pronto aparezan os primeiros síntomas de defoliación

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de publicar o seu aviso fitosanitario no que aconsella manter a vixilancia pola aparición de Mildeu nas viñas e facer labores de sega de vexetación para airear as vides. Así mesmo, advirte dos primeiros síntomas de oídio e de aumentar a vixilancia pola aparición de Cicadélidos, Altica e ácaros .
As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden totalmente nos seus prognósticos en canto á posibilidades de precipitación a curto prazo. Tendo en conta a variabilidade climática da primavera, aconséllase revisar as viñas xa protexidas para confirmar a eficacia do último tratamento efectuado e renovalo no caso de que se observen síntomas, dado que o acio se atopa nun momento de elevada sensibilidade ao Mildeu. Para asegurar en maior medida un bo estado sanitario pode aproveitarse estes días para facilitar a aireación das vides mediante a sega da vexetación .
En canto ao Oídio, nesta semana os técnicos atoparon o primeiro síntoma sobre albariño nunha única folla da finca de Areeiro, se ben no resto de parcelas da rede non se observou presenza do fungo. Sobre o resto de fungos ou patóxenos, polo de agora desaparecerá o risco de botrite, non se atoparon síntomas de Black rot, non é necesario tratar as couzas do acio e continúan moi baixas as capturas de Cicadélidos, ao igual que ocorre coa Áltica ou os ácaros. En calquera caso, e aínda que de momento non está xustificada a aplicación de tratamentos, si é necesario incrementar a vixilancia para detectar os síntomas e proceder en consecuencia.
A vixianza sobre as maceiras tamén debe manterse para as afeccións relacionadas con moteados e oídio, se ben obsérvase un incremento nas colonias de  pulgón cincento e pulgón verde (non de lanífero) nas parcelas da rede propia de Areerio onde non se realizou tratamento algún. En caso de ter que tratar nas parcelas privadas débese ter en conta que cando as follas están enroladas só serán eficaces os insecticidas sistémicos, tendo moito coidado dos efectos negativos que teñen sobre as abellas, co que, para minimizalos, débese intervir nos momentos de menor actividade destes insectos.

BUXO
Os técnicos de Areeiro sinalan que, se ben a semana pasada se informou de que aínda se atopaba a praga de Cydalima perspectalis no estado de crisálida, a día de hoxe xa se observan os primeiros adultos da segunda xeración en algúns puntos. Así, dende a EFA aconsellan que é “imprescindible” estar atentos á aparición das primeiras eirugas para poder tratar tan pronto aparezan os primeiros síntomas e evitar así as grandes defoliacións que poden producir.

No hay comentarios:

Publicar un comentario