- Padrón, Lourenzá, Xinzo de Limia e Pobra de Trives e A Guarda sitúanse como os concellos con maior índice de participación en cada unha das catro provincias galegas, respectivamente
- Desde a posta en funcionamento das campañas de captación de doadores de sangue en unidades móbiles no ano 1993, rexistráronse máis de 2.614.000 doazóns
As 111.276 doazóns de sangue rexistradas en Galicia no pasado 2016, supuxeron que a nosa Comunidade Autónoma, acadase por 17º ano consecutivo, as taxas de doazón que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS). Así o salientaron o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, na presentación dos datos de actividade do pasado ano.
Marisa López García indicou que o volume de doazóns de sangue mantívose con respecto ao ano anterior, o que supuxo manter a súa taxa de doazón en torno ás 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
Factores sociodemográficos
A directora de ADOS salientou que factores sociodemográficos como o envellecemento da poboación galega nos últimos anos, o crecemento negativo e a dispersión da poboación (Galicia posúe o 55% dos núcleos poboacionais existentes en toda España), son algúns dos factores que dificultan a organización das campañas de doazón e que poden explicar o estancamento do número de doazóns que experimentou Galicia nos últimos anos. Non obstante, quixo agradecer todas e cada unha das máis de 2.614.000 doazóns de sangue rexistradas en Galicia dende o ano 1993, data da posta en funcionamento das campañas de captación de doadores de sangue en unidades móbiles.
Non obstante, a directora de ADOS apelou á probada solidariedade dos cidadáns galegos para superar estes obstáculos e incentivar a participación dos cidadáns, lembrando que a súa colaboración é vital para que miles de doentes reciban a transfusión dos compoñentes sanguíneos que se obteñen da doazón. Así mesmo salientou, que dúas provincias galegas, A Coruña e Pontevedra, consolidaron a taxa de doazón dentro das recomendación da OMS. Neste punto, salientou que a provincia de Pontevedra experimentou un importante crecemento do catro por cento con respecto ano anterior.
Participación por concellos
Desde ADOS, salientouse o elevado nivel de compromiso e colaboración brindada dende os concellos galegos para facilitar as campañas de doazón de sangue. Neste sentido, salientou que 80 municipios galegos acadaron o pasado ano os índices recomendados pola OMS, sendo Padrón o concello de maior participación de Galicia con 101 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
Pola provincia de Lugo, destacou a taxa de 46/1.000 acadada por Lourenzá, na provincia de Ourense compartiron unha taxa de 61/1.000, os concellos Pobra de Trives e Xinzo de Limia e o municipio con maior participación da provincia de Pontevedra foi A Guarda (84/1.000).
Formación e sensibilización
Marisa López salientou o especial esforzo realizado o pasado ano, no desenvolvemento de iniciativas que permitisen a creación dunha conciencia solidaria proclive á doazón de sangue fora do ámbito puramente sanitario. Neste sentido, lembrou a realización da campaña “Mensaxeiros Solidarios” en 284 centros de ensino infantil e primaria, así como as accións educativas en centros docentes de ensino secundario e universitario. Neste ámbito, salientou o carácter pioneiro do proxecto de innovación educativa en Aprendizaxe e Servizo (ApS) que ADOS está a desenvolver con estudantes do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela.
A directora de ADOS salientou, así mesmo, a colaboración que está a xurdir desde o mundo do deporte galego con iniciativas con entidades o COB Ourense, o Basquet Coruña ou o CD Chantada, sen esquecer a importante aportación que supuxo a campaña “Imposible sen ti”, desenvolvida conxuntamente co RC Celta de Vigo e o RC Deportivo da Coruña.
Agradecemento
Pola súa banda, a directora de ADOS manifestou o seu recoñecemento a todas as persoas, asociacións e institucións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de información vencellada con este xesto solidario.
Así mesmo tivo verbas de agradecemento para todos os cidadáns que colaboraron doando sangue, ao longo do 2016, e lembrou que, ata o momento, en Galicia tan só doan 4 de cada 100 cidadáns, polo que continuarán desenvolvéndose campañas de doazón para incentivar a incrementar a participación dos galegos e galegas.
Obxectivos 2017
Marisa López García salientou como obxectivos para o presente ano, incrementar novamente o número de doazóns e a actual taxa de doazón, para que se manteña dentro dos parámetros recomendados pola OMS. Así mesmo, salientou a necesidade de continuar traballando a prol da mellora na atención aos doadores e doadoras, así como fomentar a promoción da doazón en todos os eidos da vida dos cidadáns, especialmente no ámbito educativo.
Tanto a Consellería de Sanidade como a Dirección de ADOS, coincidiron en agradecer a todos os cidadáns a súa inestimable colaboración e a súa xenerosidade como doadores, aínda que lembraron que a doazón de sangue precisa dun compromiso e colaboración constantes polo que, no ano 2017, continuarán apelando á solidariedade dos cidadáns para manter a taxa de doazón dentro das recomendacións da OMS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario