A través dunha liña de axudas que inclúe a restauración de
bens inmobles de titularidade municipal, conxuntos urbanos e contornas naturais;
a adquisición de bens integrantes do
patrimonio histórico; e a instalación de paneis informativos neste tipo de bens
Poderán concorrer a esta liña de axudas todos os concellos
da provincia con menos de 50.000 habitantes
A
Xunta do Goberno provincial vén de aprobar as bases das axudas para a
rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dirixidas aos
concellos da provincia. O prazo para acceder a estas axudas abrirase tras a
publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 30 de xuño, e poderán
presentar solicitudes todos os concellos da provincia con menos de 50.000
habitantes. O departamento provincial de Cultura e Lingua convoca esta liña de subvencións
para promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio
existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
A
orde de axudas contempla tres apartados: a adquisición de ben inmobles
integrantes do patrimonio histórico da provincia; a restauración dos bens
inmobles, conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor
arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e
etnográfico; e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e
cultural.
Contempla
actuacións que inclúan propostas de obras de conservación, restauración e
sinalización. Como obras de conservación estipúlanse as que teñan como
finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais,
sexan reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados,
ou as que deriven de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do
tempo ou polo seu uso característico.
Por
obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da
imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos
deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado
ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función.
Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas,
peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Tamén
contempla como subvencionables as obras de sinalización dos ben inmobles, e os
estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos
mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde inclúe ademais
os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o
deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos
museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización,
coa recollida da información precisa e veráz dos mesmos.
Tanto
para as obras de conservación como para as de restauración deben aplicarse
criterios nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño
tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. No
suposto de adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o
beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu
a subvención, durante un período non inferior a dez anos no caso de bens
inscribibles nun rexistro público, nin a cinco para o resto dos bens.
Mentres,
os tipos e as medidas dos paneis informativos quedarán suxeitos ás necesidades
e á contorna, respectando a normativa vixente. Para os paneis interpretativos
deberán empregarse materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo, e que
harmonicen coa contorna. No caso dos cambios de sinalización por reposición de
sinais nos núcleos urbanos, deberán respectarse as directrices establecidas nas
respectivas ordenanzas municipais.
A
Deputación destinará a esta liña de axudas un total de 600.000 euros. Un
importe fixo de 300.000 euros repartirase de forma lineal entre os concellos da
provincia que decidan acollerse a estas axudas. Os outros 3 00.000 euros serán
repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de
concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo
de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40%
destinarase ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes.
No suposto da non existencia de solicitudes por algún dos concellos incluídos
nestes grupos procederase a unha nova redistribución das cantidades iniciais,
trasladándollo aos concellos solicitantes para os efectos oportunos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario